sábado. 23.11.2024

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que ao remate deste 2020 a Comunidade galega contará con 65.000 persoas dependentes atendidas. Un obxectivo que a Xunta vén de ampliar logo de que en 2018, dous anos antes do previsto, se acadaran os 60.000 dependentes atendidos, demostrando o pleno compromiso da Administración autonómica neste eido e que fai que Galicia comece a década con catro veces máis persoas dependentes atendidas das que tiña en 2009.

Para acadar esta meta, precisou que nas últimas semanas se reforzou o Servizo de axuda no fogar, con medio millón de horas máis de atención para os veciños que o necesiten, e que chega xa a máis de 24.000 fogares. E seguirase apostando polo Bono residencia, que neste momento axuda a 1.900 galegos a pagar unha praza nun centro da súa elección.

Durante unha visita ás instalacións da residencia de maiores e centro sociocomunitario de Carballo, Feijóo subliñou que se dará prioridade tamén ao funcionamento do Bono coidados en familia, para aqueles dependentes que son atendidos no seu domicilio por unha persoa da súa contorna. Unha axuda que o ano pasado se incrementou un 10% para todos os beneficiarios e que conta coa posibilidade de que a persoa coidadora cotice gratuitamente á Seguridade Social.

“E seguiremos tamén traballando na creación de novas prazas públicas en residencias”, engadiu, destacando as 900 prazas que se crearán nas sete principais cidades de Galicia, grazas á colaboración entre o Goberno galego e a Fundación Amancio Ortega. Ademais de recordar outras medidas como: o Xantar na casa, que leva un menú diario a máis de 1.300 maiores que viven sós; o autobús de Coidados porta a porta, que neste ano multiplicará por 10 a súa extensión e levará servizos de optometría, podoloxía e obradoiros de memoria a 200 concellos do rural; e as casas do maior nos concellos de menos de 5.000 habitantes, un servizo 100% gratuíto que chega alá onde non hai centros de día, e das que onte se publicou a segunda convocatoria.

MÁIS OPCIÓNS QUE NUNCA

O titular aseverou que neste 2020 Galicia conta con máis opcións que nunca para que os maiores envellezan como libremente desexen. Ao respecto, aproveitou a visita para facer un chamamento ao Goberno central para que asuma a súa responsabilidade e cofinancie o gasto que lle corresponde en dependencia: o 50% ao Goberno do Estado e o 50% á Xunta. “Pola nosa banda nós seguiremos traballando con constancia, perseveranza e inconformismo, convencidos de que os 381 millóns de euros que Galicia dedica á dependencia cada ano, temos que incrementalos para chegar aos 65.000 dependentes atendidos este ano e para seguir incrementando o servizo no futuro”, precisou.

Logo de resaltar tamén que na última década a Administración autonómica incrementou nun 55% o número de prazas públicas en residencias de maiores, centros de día e de Alzhéimer e de atención á discapacidade, o titular do Goberno galego concluíu afirmando que a Xunta seguirá traballando para dar resposta ás dúas vertentes do envellecemento: un envellecemento activo, con opcións de ocio e de formación adaptadas ás prioridades e ás necesidades dos maiores; e, tamén un envellecemento coidado, con apoio personalizado.

Sobre este punto, referiuse a esta residencia de Carballo como exemplo de centro onde se conxugan estas dúas vertentes: con 26 prazas públicas e cun centro sociocomunitario ao que asisten moitos veciños para practicar xogos de mesa, ler, facer cursos de informática ou aprender a bailar.

OUTROS PROXECTOS NA COMARCA

O presidente da Xunta referiuse tamén a outros proxectos para a comarca, confirmando que os orzamentos de 2020 inclúen unha partida para a primeira fase da circunvalación de Carballo. “Elaboraremos o proxecto construtivo desta primeira fase da circunvalación, cuxo investimento total ascende a 28 millóns”, aseverou, garantindo tamén unha achega para iniciar os traballos de ampliación do polígono de Carballo. No tocante á autovía da Costa da Morte, precisou que este ano sacarase a información pública o proxecto de trazado entre Baio e Vimianzo, conectando coa estrada de Camariñas.

Galicia atenderá a 65.00 persoas dependentes ao remate de 2020