O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, ratificou hoxe a aposta de Galicia polas infraestruturas do norte peninsular para sumar competitividade tanto no transporte de mercadorías como do hidróxeno verde. Así o indicou trala reunión da Comisión do Arco Atlántico á que asistiu en Vitoria xunto co presidente de Euskadi, Íñigo Urkullu; o de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, e o de Asturias, Adrián Barbón.
O mandatario autonómico, que acudiu ao encontro acompañado pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avogou por potenciar as comunicacións entre as Comunidades autónomas do norte para colocarse na primeira liña de saída perante os retos que se presentan a través dos Next Generation e as enerxías renovables.
O presidente da Xunta destacou que os representantes das catro Comunidades autónomas coincidiron na necesidade de apostar polo corredor atlántico de mercadorías para non quedar illados de Europa “e porque o pide a propia UE”, puntualizou. Recordou o cumio celebrado a finais de xaneiro en Galicia e no que participaron tamén Asturias e Castela e León, que tivo como consecuencia inmediata a creación do Comisionado que se reclamaba desde había anos, polo que o presidente de Xunta remarcou que este tipo de encontros permitían non só intercambiar comunicacións de interese senón tamén levar a cabo “accións coordinadas” con resultados satisfactorios.
Alfonso Rueda mostrou o apoio inequívoco de Galicia á reclamación acordada na Comisión do Arco Atlántico para que a conexión ferroviaria con Europa desde o norte de España pase por Euskadi e que o faga a través de Francia, de aí a necesidade de sumar ao país veciño para o enlace con esta infraestrutura prioritaria.
Polo que respecta ao hidróxeno verde, Rueda indicou que Galicia aspira a ser un territorio clave no impulso dos gases renovables, pero precisa de infraestruturas para o seu transporte, de aí que a Comunidade galega apoie tamén a conexión da rede con Europa a través de Euskadi.
No encontro abordáronse tamén outras cuestións que afectan ao norte e ao noroeste peninsular, con especial atención ao reto demográfico. Nese sentido, Rueda defendeu as medidas pioneiras adoptadas en Galicia, como a lei de impulso demográfico, a gratuidade nas escolas infantís ou a creación de casas niño e de casas do maior. Subliñou que “o que funciona nun lugar pode funcionar noutros territorios”, polo que no encontro se intercambiaron tamén diferentes experiencias para facer fronte ao declive poboacional.
Os catro mandatarios coincidiron tamén na conveniencia de facer oficial este tipo de encontros coa formalización dun foro de presidentes permanente. Rueda indicou que do mesmo xeito que se pide cogobernanza ao Goberno central, “todo será máis fácil se nos poñemos de acordo e por riba de intereses partidistas poñemos a defensa dos nosos territorios”, defendeu o presidente da Xunta, recalcando que ese era precisamente o obxectivo dos foros interterritoriais.
O titular do Goberno galego concordou cos seus colegas de Euskadi, Cantabria e Asturias na conveniencia de crear unha macrorrexión atlántica que permita unir forzas na defensa destes intereses comúns e perante os retos que se presentan arredor dos Next Generation, e considerou de interese a incorporación de Portugal pola aposta que o país veciño está a facer pola conexión terrestre a través do noroeste peninsular.
POTENCIAL DA EÓLICA MARIÑA
Coa eólica mariña de actualidade pola recente publicación do plan de ordenación que afecta ao seu desenvolvemento en España, este foi outro dos asuntos relevantes que se trataron no encontro. O presidente da Xunta fixo referencia ao importante papel desta enerxía renovable para as Comunidades do norte, sempre respectando o medio ambiente e outras actividades como a pesca. “É unha industria que chegou para quedarse e á que non imos renunciar”, advertiu. Recordou que xa no 2021 Galicia, Asturias e Cantabria presentaron o Atlantic Wind, un clúster para o impulso da eólica mariña co obxectivo de converter ao norte de España nun referente nacional e internacional dunha modalidade de enerxía renovable que chega cargada de oportunidades, e coincidiu cos seus homólogos na conveniencia de sumar ao País Vasco nesta alianza estratéxica.