jueves. 21.11.2024

“Unha sociedade sen medios de comunicación e sen

diversidade pluralista acaba sendo unha sociedade sen confianza social”,

afirmou Francisco Campos trala entrega do XXV premio Diego Bernal que organizou

a  Asociación de Periodistas de Galicia,

APG, con gallo da celebración do patrón, san Francisco de Sales.

Campos fixo unha defensa dos medios de comunicación social tradicionais fronte ás plataformas dixitais, aínda que non obviou os seus defectos. Para o xornalista e profesor universitario, a “vitamina” necesaria para os medios é “o reforzo da súa configuración social”.

Para o premiado, os medios tradicionais caracterízanse

pola “verificación e a responsabilidade editorial”. Deste xeito, poden “configurar

unha esfera pública plural, diversa e de cohesión social”.

A súa intervención levou ao ‘premio Diego Bernal’ a

aseverar que “os medios tradicionais teñen dereito á atención preferente das

políticas públicas”.

Campos sinalou que “Galicia ten unha estrutura máis estable que noutras partes de España” no ecosistema mediático.  

Sintetizou en tres ideas a súa intervención. “Os medios de comunicación son institucións necesarias para a calidade democrática, para a cohesión e preservación da nosa cultura e da nosa lingua”. Respecto ó xornalismo asegurou que “segue a ser unha profesión de servizo, necesaria para a transición da sociedade dixital á da intelixencia artificial”. E engadiu que Galicia –como sociedade con cultura e lingua propias- precisa de medios propios e estables tamén para esa transición”.

LÓPEZ

Campos foi precedido pola ‘laudatio’ do profesor Xosé López  que destacou de Campos, entre outras,  a súa capacidade de entenderse cos demais: “Sempre

confiou no diálogo, no respecto ao outro e no camiño para acadar acordos para

avanzar”.

MANEIRO

Pola súa parte, o presidente da APG, Arturo Maneiro, destacou o esforzo realizado para chegar á vixésimo quinta edición dos premios. E fixo una referencia á súa persoa solicitando o seu relevo na presidencia da asociación de Xornalistas de Galicia: O meu esforzo tamén “vai sendo merecente dun relevo axeitado". O presidente da Xunta destacouno logo na súa intervención.

FEIJÓO

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo,

enxalzou, durante o acto de entrega do Premio Diego Bernal 2020, que outorga a

Asociación de Periodistas de Galicia, a capacidade da prensa galega para

practicar un xornalismo de proximidade no que o local adquire dimensión global

e o global se interpreta seguindo as pautas locais.

Deste xeito, Feijóo gabou o feito de que o xornalismo galego soubese transformar os vertixinosos cambios no mundo da comunicación, convertendo o que semellaba un perigo nunha oportunidade, xa que, segundo aseverou, contemplar España, Europa e o mundo enteiro cunha óptica galega non é practicar un xornalismo de segundo nivel ou miope.

“O mundo pódese contemplar desde moitas fiestras, e unha delas é galega”, sentenciou, incidindo en que lles corresponde aos profesionais galegos mantela sempre aberta, porque se nalgún momento se pechase, “non só Galicia, senón tamén o mundo, terían unha liberdade máis pobre”.

No tocante ao premiado Francisco Campos, o titular da Xunta destacou que o galardoado leva moitos anos aplicando a galeguidade ás mutacións que vive a comunicación. “Nel únense o teórico da comunicación, o docente, o xestor e o periodista”, afirmou, recordando que o seu nome está asociado igualmente á Compañía de Radiotelevisión de Galicia.

Neste punto, Feijóo aproveitou a súa intervención para dicir que os medios públicos galegos fixeron posible que un dos malos augurios sobre o impacto do audiovisual en culturas e linguas como a nosa non se cumprise, confirmándose a tese de que os cambios ben aproveitados producen resultados beneficiosos. “A creación da radio e a televisión de Galicia, e os diferentes pasos dados en cada etapa, crearon un baluarte da nosa identidade que hoxe forma parte da nosa paisaxe mediática”, sostivo.

Francisco Campos, premio Diego Bernal: “Os medios tradicionais teñen dereito á atención...