viernes. 22.11.2024
Galiciencia é a maior feira científica que se celebra na nosa comunidade, promovida polo Parque Tecnolóxico de Galicia -Tecnópole- desde o ano 2006. Busca achegar a ciencia á sociedade, en particular aos estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato. Desenvólvese en colaboración coa Consellería de Economía, Empresa e Innovación e a Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología – Ministerio de Ciencia e Innovación. Esta mañá abríase o prazo para que os centros interesados se inscriban e vaian presentando os seus proxectos; poderán facelo ata o vindeiro 20 de marzo a través da web www.galiciencia.com.

Esta 18ª edición terá lugar os días 10, 11 e 12 de maio. A temática elixida é “Aeronáutica e Aeroespacial”, aproveitando que o Parque conta coa Aula Newton Galicia, centrada nestes intres en introducir aos máis novos no mundo da aviación. Tamén se poderá participar de maneira online.

CONCURSO DE PROXECTOS

Na modalidade presencial poden presentarse dous proxectos por centro educativo de Secundaria, Bacharelato e FP; que serán os que finalmente compitan polos premios de Galiciencia. No caso da modalidade online non hai límite de proxectos.

O primeiro premio está dotado con 1.000 euros, para financiar a participación na maior feira científica a nivel estatal, Exporecerca, que se celebra anualmente en Barcelona. O segundo equipo clasificado recibirá 500 €, o que lles permitirá asistir a Zientzia Azoka, a feira de ciencia que ten lugar cada ano en Bilbao. Pola súa parte, o equipo gañador do terceiro premio recibirá 200 € para a compra de material científico e/ou tecnolóxico para o seu centro escolar.

Así mesmo, premiarase a mellor comunicación e presentación oral, o proxecto máis innovador, o proxecto co método científico e proceso de investigación mellor definido, o mellor proxecto englobado dentro da temática da “Aeronáutica e Aeroespacial”, así como o proxecto liderado por unha nena e/ou relacionado con iniciativas que contribúan á igualdade de xénero no contorno da I+D+i. Este ano, se se presentan un número considerable de proxectos, haberá tamén un premio especial para a mellor proposta na categoría de FP. E galardoarase o proxecto coa mellor valoración popular, elixido entre todos os que participen en liña.

Ademais do concurso de proxectos, como en cada edición, a feira compleméntase con actividades, talleres, concursos diversos e espectáculos de ciencia.

Concurso de deseño da camiseta oficial de Galiciencia e concurso de fotografía a través de Instagram

O alumnado de Primaria de toda Galicia poderá participar no concurso de deseño da camiseta oficial de Galiciencia 2023. O prazo estará aberto tamén ata o 20 de marzo. Os interesados deberán enviar un correo electrónico cos seus deseños escaneados ao enderezo [email protected] ou presentar os orixinais na recepción do Parque Tecnolóxico de Galicia.

Tamén haberá un concurso de fotografía a través de Instagram. Neste caso o prazo para presentarse remata o 24 de abril e diríxese tanto ao alumnado como ao profesorado de Secundaria, Bacharelato e FP de toda España.

DESAFÍO

O alumnado desde 4º de Primaria a Bacharelato de toda Galicia poderá participar no Desafío científico “Atrévete coa Aeronáutica!”. Consta dunha primeira fase online con tres retos. Para participar no primeiro reto será preciso inscribirse antes do 23 de febreiro a través da páxina web atrevete.galiciencia.com. Para chegar á fase final, que será presencial durante a celebración de Galiciencia, será imprescindible ter participado nos tres retos online. 

VISITAR A FERIA

Os centros interesados en visitar a feira teñen de prazo ata o 20 de marzo para facer a súa reserva. Haberá un límite de 45 asistentes máximo por centro escolar e un mínimo de 25. Tecnópole encargarase de xestionar e custear o transporte.

Estudantes de Primaria, Secundaria, FP e Bacharelato de toda España xa poden presentar...
Comentarios