jueves. 21.11.2024

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luis López, salientou a aposta da Consellería do Medio Rural a prol da internacionalización e da difusión dos viños da Denominación de Orixe (DO) Rías Baixas tras destinar máis de 3,9 millóns de euros a axudas para a súa promoción nos últimos catro anos.

O representante autonómico visitou este mediodía a sede do Consello Regulador da entidade, emprazada no Pazo de Mugartegui de Pontevedra, e reuniuse co seu presidente, Juan Gil de Araújo, ao que lle agradeceu e puxo en valor os 33 anos de traballo deste organismo “como embaixador dos caldos das Rías Baixas e dos galegos en xeral ao longo de todo o mundo, onde son coñecidos e recoñecidos pola súa calidade”.

A DO Rías Baixas congrega na actualidade a 178 adegas e 5.131 viticultores que dispoñen dunha superficie plantada de máis de 4.000 hectáreas de vide, con ata catorce variedades de brancas e tintas, repartidas nas subzonas de Val do Salnés, Condado do Tea, O Rosal, Soutomaior e Ribeira do Ulla. Porén, esta denominación de orixe caracterízase principalmente pola produción de viños brancos, fundamentalmente os elaborados total ou parcialmente coa variedade albariño.

Luis López interesouse pola última vendima, a de 2020, na que se colleitaron 34,4 millóns de quilogramos de uva, o que supuxo un incremento do 6,4% con respecto á do ano anterior e que permitirá elaborar ata nove variedades de viño, das que sete son brancos, unha tinto e outra escumoso.

Neste senso, o delegado territorial puxo en valor “o peso e a importancia” da DO Rías Baixas no panorama dos viños galegos, xa que a súa produción supón o 57% do total das uvas colleitadas nas cinco denominacións de orixe de Galicia e ademais foi unha das dúas denominacións, xunto con Monterrei, que conseguiu incrementala na última vendima de 2020.

“Quero destacar tanto o traballo do Consello Regulador como o esforzo económico e profesional dos milleiros de viticultores para poñer no mercado un produto de primeirísimo nivel que ademais contribúe a ofrecer a mellor imaxe de Galicia no mundo, polo que todo o apoio que lle estamos a prestar dende a Xunta de Galicia é xusto, merecido e necesario”, subliñou Luis López, que se congratulou de que, por vez primeira, o volume de viño comercializado na Unión Europea supere ao do continente americano, “o que demostra que a expansión segue sendo intensa, traballada e vai na boa dirección coa apertura de novos mercados”.

DO Rías Baixas recibiu 3,9 M€ para a promoción nos últimos catro anos