domingo. 22.12.2024

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou hoxe as obras do complexo intermodal de Pontevedra.

Estes traballos están a iniciarse co acondicionamento do edificio da terminal de autobuses, que suporá unha reforma funcional, estética e de eficiencia enerxética das instalacións.

A reforma do edificio da estación consistirá na renovación da fachada, da cuberta e dos seus interiores e a mellora das instalacións e dos sistemas de información.

A Xunta, a través desta reforma da estación de autobuses e da adecuación do complexo intermodal, busca acadar unha intermodalidade real entre esta terminal e a de ferrocarril.

Neste sentido, a conexión entre ambas estacións será máis sinxela e segura para os peóns grazas a un itinerario peonil que se complementará cunha reordenación urbana da fronte da estación, mellorando a seguridade viaria e recuperando un espazo público para os cidadáns.

O proxecto tamén inclúe a eliminación dos actuais accesos de autobuses, construíndo un novo enlace directo dende a Rúa Josefina Arruti, onde se instalarán semáforos regulados a demanda e carrís de espera.

Ademais porase en valor o contorno do río Gafos, que se recuperará cun novo espazo para o desfrute cidadán mediante a rexeneración da área ao carón da estación de autobuses, destapándose o leito e construíndose unha pasarela de madeira que facilite o paseo.

Cómpre lembrar que estas actuacións están enmarcadas nun convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello de Pontevedra, que conta cun investimento superior aos 6 millóns de euros, dos que o Goberno galego achega o 75%, é dicir, máis de 4,6 millóns.

Comezan as obras do complexo intermodal de Pontevedra