lunes. 25.11.2024

A directora xeral Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentaron hoxe no Espazo Xove de Noia unha nova edición do certame Lingua de namorar, concurso de declaracións de amor en galego para dinamizar o seu uso entre a mocidade, nas súas relacións persoais e en internet.

A Xunta de Galicia pon en marcha a undécima edición deste concurso que dá comezo co San Valentín. O certame está dividido en tres categorías, dúas delas para web e unha exclusiva para Instagram. As mensaxes presentadas en todas as modalidades deberán estar escritas en lingua galega e poderanse redactar en prosa ou en verso.

WEB

En dúas das categorías particípase a través da web de Xuventude. Unha delas é para mozos e mozas de entre 14 e 19 anos e outra para idades entre 20 e 35 anos, ambas teñen de prazo de presentación de mensaxes ata o 18 de marzo. Nestas modalidades pódense presentar dúas propostas, aínda que non deben superar os 350 caracteres cada unha.

Para participar, só cómpre cubrir e enviar este formulario. As mensaxes que participen nestas modalidades publicaranse na páxina do concurso: http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar. Así mesmo, os mellores textos serán galardoados. Entregaranse tres premios por cada unha destas categorías. Os primeiros levaranse un patinete eléctrico, os segundos un tocadiscos retro e os terceiros un reloxo intelixente.

INSTAGRAM

A terceira modalidade de Lingua de namorar, que se puxo en marcha por primeira vez o ano pasado, realízase a través de Instagram. Está destinada a rapazas e rapaces de 14 a 35 anos e os interesados poden enviar mensaxes ata o 18 de marzo e deben ser seguidores das contas @xuventudegalicia e @linguagalega.

As mensaxes, que non poden superar os 200 caracteres publicaranse directamente na imaxe habilitada para o concurso #LinguaDeNamorar no perfil @xuventudegalicia. No texto indicarase en primeiro lugar un cancelo que recolla o título e despois a mensaxe. Ao final da publicación, engadiranse os seguintes cancelos e etiquetaxes: #LinguaDeNamorar #NamorarEnPandemia @linguagalega. Ademais diso, deben etiquetarse dúas amizades.

A mensaxe mellor valorada polo xurado do concurso nesta categoría levará consigo o único premio da modalidade, nun patinete eléctrico, de igual xeito que os gañadores das outras dúas especialidades.

RESOLUCIÓN

A listaxe cos nomes das persoas gañadoras e finalistas nas tres categorías publicarase o 12 de abril. Tanto as mensaxes gañadoras como finalistas daranse a coñecer publicamente en http://xuventude.xunta.es/linguadenamorar e nos Instagram de @XuventudeGalicia e @LinguaGalega. No caso da categoría de instagram, a persoa autora da mensaxe gañadora poñerase en contacto coa organización antes do 15 de abril para reclamar o premio e facilitar os datos de contacto.

Certame ‘Lingua de namorar’