O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) acaba de convocar catro bolsas de formación remuneradas para titulados nos graos de Enxeñería de camiños, canais e portos; Enxeñería industrial; Arquitectura e grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante para darlles a oportunidade de realizar prácticas complementarias aos seus estudos e favorecer así o seu acceso ao mercado de traballo pola vía da especialización en materias relacionadas coa vivenda.
É a terceira vez que o IGVS ofrece prácticas remuneradas a persoas que se acaban de graduar en titulacións relacionadas cos seus distintos eidos de actuación, unha posibilidade que nesta ocasión decidiu abrir por primeira vez a novas ramas profesionais.
Así, tal e como consta na resolución publicada hoxe no DOG, a convocatoria de 2022 inclúe dúas bolsas para arquitectos e, como novidade, unha para graduados en Enxeñería de camiños, canais e portos, e outra para titulados en Enxeñería industrial. Neste sentido, cómpre lembrar que en 2019 se convocaron prazas só para graduados en Arquitectura e Arquitectura Técnica e que no ano 2021 se ampliou o abano tamén a persoas con estudos en Dereito e Economía.
Ata o momento e ao abeiro deste programa, o IGVS xa ofreceu prácticas remuneradas nos últimos tres anos a un total de 17 graduados en diferentes especialidades.
As persoas interesadas en optar a unha das catro bolsas dispoñibles nesta convocatoria disporán do prazo dun mes, a contar desde mañá, para presentar as súas solicitudes por medios electrónicos. As prácticas terán unha duración de 12 meses, podendo prorrogarse por un novo período de 6 meses máis, e levarán asociado un custo total de 48.000 euros.
Favorecer o acceso ao mercado laboral
O obxectivo é facilitar a realización de prácticas complementarias aos estudos teóricos que ofrecen as ramas sinaladas, así como favorecer o acceso ao mercado laboral de estudantes que rematasen recentemente a súa formación superior —neste caso, despois do 1 de xaneiro de 2019— e non teñan un emprego remunerado ou unha bolsa similar.
De feito, durante as súas prácticas no IGVS recibirán formación en materias relacionadas coa construción e promoción de vivenda pública, a tramitación do planeamento sectorial do solo e a redacción e xestión de plans e proxectos técnicos urbanísticos. Así mesmo, tamén adquirirán coñecementos e experiencia relativos ás funcións de contido xurídico, económico e contable derivadas das devanditas actuacións.