A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé felicitou aos oito galardoados na undécima edición dos Premios Agader ás iniciativas de desenvolvemento rural.
Tras coñecerse o fallo do xurado, a directora xeral felicitounos e agradeceulles a súa contribución á dinamización do rural galego, consolidando iniciativas innovadoras que ademais de crear emprego son unha fonte de riqueza para o noso agro. En total son oito os proxectos seleccionados que recibirán un premio de 10.000 euros cada un, cifra que deberán reinvestir na iniciativa gañadora co obxectivo de realizar melloras, apostar pola conservación ou executar actuacións complementarias.
PREMIADOS
Na categoría de iniciativas levadas a cabo ou encabezadas por mulleres, o premio vai para a asociación Educando en Familia, de ámbito provincial lucense, polo seu traballo no acompañamento educativo ás familias con nenos entre cero e seis anos. Ademais, entre os seus obxectivos está potenciar a igualdade entre homes e mulleres como valor transversal en todas as actividades, adaptándoas ás circunstancias de cada familia.
No sector agrogandeiro, o gañador é a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña polo seu proxecto 'Bico de Xeado', unha iniciativa que apostou pola transformación do leite da súa propia granxa para crear un produto de valor engadido e diversificar así a súa oferta.
Na categoría de mocidade, destinada a persoas con menos de 40 anos, o galardón é para Fontes de Mané SL polo seu campamento turístico “Cabanas da Ulla”, localizado no concello coruñés de Touro. O proxecto procura a simbiose entre a actividade forestal e os servizos turísticos e campismo de alto confort nun entorno rural.
No apartado de innovación tecnolóxica, a vitoria foi para o grupo tecnolóxico Arbinova SL, pola súa peme BETA Implants, localizada no municipio pontevedrés de Salvaterra do Miño. Esta empresa, cunha actividade única a nivel internacional, deseña e fabrica implantes e próteses para o sector da traumatoloxía, ortopedia e neurocirurxía veterinaria.
Na categoría de interese social, destinado a aqueles proxectos orientados á integración de colectivos desfavorecidos, recibe o premio Aspadeza, de Lalín, polo seu centro de prestación de servizos a persoas con discapacidade intelectual. Na actualidade atenden diariamente a 36 usuarios e 57 familias da comarca do Deza.
Na sección de turismo, álzase co galardón 'Enoturismo María Manuela SL', no concello de Touro. Trátase dun complexo de cinco cabanas elevadas e unha adaptada para persoas con mobilidade reducida que se integran coas particularidades da zona, promocionando produtos locais e actividades que dinamizan a contorna.
Na categoría de proxectos culturais e de recuperación patrimonial do medio rural, o premiado foi para a asociación de veciños de Puxedo pola recuperación material e patrimonial da súa aldea, ubicada no concello de Lobios, en pleno corazón do Parque Natural Baixa Limia Serra do Xurés.
E, por último, na categoría de loita contra o abandono e en prol da mobilidade de terras, o gañador deste premio é a asociación veciñal de Lucenza pola recuperación dos montes comunais ubicados nesta parroquia do concello de Cualedro. Ademais de concienciar aos veciños da importancia de manter limpos e ordenados os montes para anticiparse aos incendios forestais, esta asociación recuperou a actividade gandeira no monte de Chairas con máis de 40 cabezas que fan de rozadores naturais no monte.