jueves. 21.11.2024

A balneoterapia reduce o consumo de medicamentos en pacientes que sofren lumbalxias

Esta tarde, a partir das 19.30 horas, celebrarase a primeira sesión deste ano, no salón Rahid do compostelán Hotel Araguaney, con entrada libre ata completar aforo. Consistirá nunha mesa redonda na que se abordarán as indicacións da cura termal para o tratamento da dor crónica, moderada polo director da Cátedra, o doutor Juan Gestal. Os expertos participantes manterán ademais un coloquio posterior co público asistente ao encontro.
Dr. Jorge Blanco.
dr_jorge_blanco

Baixo o título “A saúde é o que importa”, a Cátedra de Hidroloxía Médica USC-Balnearios de Galicia promove un ciclo destinado a difundir entre a sociedade o valor terapéutico das augas mineromedicinais. Esta iniciativa, que cumpre a súa 4ª edición, conta coa colaboración da Fundación Araguaney.

Esta tarde, a partir das 19.30 horas, celebrarase a primeira sesión deste ano, no salón Rahid do compostelán Hotel Araguaney, con entrada libre ata completar aforo. Consistirá nunha mesa redonda na que se abordarán as indicacións da cura termal para o tratamento da dor crónica, moderada polo director da Cátedra, o doutor Juan Gestal. Os expertos participantes manterán ademais un coloquio posterior co público asistente ao encontro.

Entre o 60 e o 80% da poboación presentará algún tipo de dor lumbar ao longo da súa vida, chegando a ser incapacitante en moitos casos

O doutor Jorge Blanco, médico adxunto do Servizo de Reumatoloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), abordará a balneoterapia no tratamento das lumbalxias, que se presentan con moita dor nas súas fases máis agudas e poden chegar a ser incapacitantes. Segundo os datos aportados polo doutor, entre o 60 e o 80% da poboación presentará algún tipo de dor lumbar ao longo da súa vida, cunha maior incidencia entre os 25 e os 45 anos, sendo a principal causa de limitación da actividade en maiores de 45 anos e a orixe de máis do 15% das baixas laborais.

Dr. Jorge Blanco.
Dr. Jorge Blanco.

Segundo o experto, a hidroterapia termal permite mitigar a dor nestes pacientes e acelerar o seu proceso de recuperación debido ás diferentes propiedades das augas mineromedicinais, incluíndo a temperatura e a presión, a presenza de compostos orgánicos en disolución… Ademais, o exercicio físico na auga fai posible exercitar a musculatura debilitada en ausencia de gravidade. Así, “as diversas técnicas de hidroterapia son recomendables para reducir a dor, a rixidez e a funcionalidade lumbar, logrando unha rehabilitación máis rápida” -asegura.

O especialista salienta que “os medicamentos que se administran para combater as lumbalxias como antiinflamatorios, derivados da morfina, relaxantes musculares, paracetamol ou corticoides, entre outros, non conseguen mellores resultados que a aplicación das augas mineromedicinais”. Neste sentido, apunta que “a balneoterapia preséntase como un tratamento coadxuvante eficaz e que, ademais, posúe a enorme vantaxe de que carece de efectos secundarios”.

Mellora da calidade de vida dos pacientes con fibromialxia

Rosa Meijide, catedrática de Hidroloxía Médica da Universidade da Coruña, centrarase no valor terapéutico das augas mineromedicinais para pacientes con fibromialxia. Resalta que existen diferentes estudos científicos nacionais e internacionais que avalan a efectividade das técnicas termais para abordar esta doenza e que varias guías de práctica clínica aconsellan a súa prescrición médica.

Rosa Meijide.
Rosa Meijide.

A fibromialxia é unha enfermidade crónica que afecta, segundo datos da Sociedad Española de Reumatología, ao 2,4% da poboación en España, case na súa totalidade mulleres de entre 40 e 49 anos, aínda que os primeiros síntomas poden aparecer entre os 20 e os 40 anos. Preséntase con dor xeralizada en todo o corpo, fatiga crónica, rixidez, alteracións do sono... As súas causas descoñécense, aínda que os expertos opinan que podería deberse a unha distorsión da percepción da dor nestes pacientes, que fai que o organismo interprete mal certos estímulos e se perciba a dor como máis aguda.

Segundo a catedrática, a balneoterapia permite mellorar en boa medida a calidade de vida destes enfermos, redúcense tanto os puntos de dor como a súa intensidade, o cansazo, o sono e mesmo o seu estado emocional, posto que a depresión é habitual nestes casos. Nesta liña, engade que “os centros termais son instalacións sanitarias que dispoñen de especialistas médicos que aconsellan sobre as diversas opcións terapéuticas e tamén se ofrece apoio psicolóxico”.

Os pacientes con Síndrome Post-Covid aprecian mellorías logo de tres sesións

Pola súa parte, o doutor Elías Festa, director médico do balneario Caldelas de Tui, explicará as principais técnicas termais que se aplican na actualidade para combater a dor. Sinala que “para o deseño dunha estratexia terapéutica en relación co tratamento da dor vía termal débese ter en conta a súa orixe, é dicir, se é aguda, crónica e se é ou non inflamatoria. Tamén é importante a historia clínica do paciente, por se presenta patoloxías concorrentes ou excluíntes”.

No caso particular dos pacientes con Síndrome Post-Covid, que sofren fatiga crónica, dificultade respiratoria e dor xeralizada, a pauta de tratamento son -segundo o doutor- as inhalacións, os aerosois, o baño de burbullas e a ducha circular. Afirma que “dos doentes tratados, todos sentiron unha melloría obxectiva da súa situación previa despois das tres primeiras sesións no balneario”.

A balneoterapia reduce o consumo de medicamentos en pacientes que sofren lumbalxias