O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Resolución do programa de mellora e reforma enerxética de vivendas e edificios, na que se recolle que o prazo para presentar as solicitudes comezará o vindeiro 2 de xaneiro ata o 31 de xullo; polo que os interesados en acollerse a este programa de incentivos disporán dun prazo de sete meses para presentar as súas solicitudes.
O Consello da Xunta autorizou na súa reunión de onte a Resolución pola que se convocan as axudas do Programa estatal, de carácter plurianual, para actuacións de rehabilitación enerxética en edificios existentes e se regula a concesión directa das axudas deste programa ás comunidades autónomas. No caso de Galicia, esta liña de incentivos dispón dun orzamento de case 17 millóns de euros, que serán xestionados por primeira vez polo Instituto Galego de Vivenda e Solo.
Neste sentido, o Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) decidiu repartir os fondos dispoñibles para esta liña de incentivos entre as comunidades autónomas e que foran estas as encargadas de proceder á convocatoria das mesmas, tal e como establece o Real Decreto 737/2020 do 4 de agosto, polo que se regula o programa de axudas.
Os interesados en acollerse a esta liña de subvencións só poderán solicitalas de xeito telemático e os beneficiarios son as persoas propietarias de vivendas unifamiliares ou de edificios de tipoloxía residencial colectiva ou de vivendas e locais existentes nestes últimos edificios; as comunidades de persoas propietarias o as agrupacións de comunidades de persoas propietarias de edificios residenciais de uso vivenda, así como as persoas propietarias que de forma agrupada sexan propietarias de edificios que reúnan os requisitos establecidos no artigo 396 do Código Civil e non houberan outorgado o título constitutivo de Propiedade Horizontal.
Tal e como se recolle na Resolución, establécense tres tipos de actuacións subvencionables: de mellora da eficiencia enerxética da envolvente térmica, aquelas que teñen entre os seus obxectivos reducir a demanda enerxética; de uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; e das instalacións de iluminación, é dicir, as luminarias, lámpadas y equipos; sistemas e elementos que permitan o control local, remoto ou automático por medios dixitais de acendido e regulación do nivel de iluminación.
Para o cálculo da contía subvencionable terá unha axuda base e unha adicional, que se determinará en base a tres criterios, como os criterios sociais (actuacións que se realizan en edificios de vivenda de protección pública; actuacións en inmobles emprazados en áreas de rehabilitación), a eficiencia enerxética e que se trate dunha actuación integrada (aplicarase a porcentaxe adicional cando se realizan simultaneamente dúas ou más tipoloxías de actuación).
Por último, as axudas deste programa son compatibles con outras axudas concedidas para o mesmo fin sempre que non se supere o custe da actuación e as outras axudas concedidas non conten con cofinanciamento de Fondos Europeos. Nese sentido, o IGVS destinará un orzamento estimado de dous millóns de euros á liña de fomento da conservación, da mellora da seguridade de utilización e accesibilidade en vivendas, recollidas no Programa de fomento da mellora de eficiencia enerxética e sustentabilidade en vivendas Plan 2018-2021.