A Xunta destinará 90.000 euros ás axudas para actuacións de conservación, protección e mellora das árbores e formacións senlleiras da Comunidade, segundo as dúas ordes que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia. Unha das ordes vai dirixida a concellos ou agrupacións locais que sexan titulares dalgún destes elementos, dotada con 30.000 euros; e a outra, a persoas físicas ou xurídicas propietarias dunha árbore ou formación senlleira, cun orzamento de 60.000 euros.
Estas axudas, cuxo prazo de solicitude será dun mes contado a partir de mañá, poden chegar a cubrir ata o 100 % do custo da actuación, cun límite de 4.500 euros por árbore e de ata 8.000 euros cando se trate dunha formación. Entre as intervencións subvencionables cómpre subliñar a realización de podas, formación e control da copa, a aplicación de tratamentos fitosanitarios, accións encamiñadas á conservación e mellora do entorno dos elementos catalogados, actuacións de divulgación e sinalización, e a realización de estudos.
CONSTANTE ACTUALIZACIÓN
O catálogo galego de árbores senlleiras é unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de elementos novos os seus propietarios, as administracións, os centros de investigación ou asociacións e aquelas entidades privadas ou públicas que teñan entre os seus fins estatutarios a protección da natureza.
De feito, desde a aprobación do seu regulamento no ano 2007, foi obxecto xa de diversas revisións e periodicamente sométense a información pública novas propostas para valorar a posible incorporación de exemplares con valores salientables, como é o caso das sobreiras que veñen de incorporarse.
Este rexistro público de carácter administrativo inclúe todas aquelas árbores e formacións excepcionais merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia que as faga merecentes dunha especial protección.
Na actualidade, forman parte do Catálogo un total de 192 elementos —151 exemplares e 41 formacións arbóreas— pertencentes a 84 especies diferentes e coa seguinte distribución por provincias:
PROVINCIA |
ÁRBORES |
FORMACIÓNS |
TOTAL |
A Coruña |
43 |
14 |
57 |
Lugo |
35 |
6 |
41 |
Ourense |
20 |
6 |
26 |
Pontevedra |
53 |
15 |
68 |
Total |
151 |
41 |
192 |