O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello da Xunta, que a Axenda da Industria Forestal – Madeira 2022-2024 prevé mobilizar 140 millóns de euros para aumentar a facturación do sector ata os 2.700 M€ e acadar os 25.000 empregos.
Logo de salientar que esta iniciativa foi desenvolvida en colaboración coas empresas e os centros de coñecemento, Feijóo engadiu que entre os obxectivos a acadar en 2024 tamén figuran superar os 10,9 millóns de metros cúbicos de corta de madeira industrial e acadar un crecemento superior ao 7% nas transferencias aos propietarios dos montes.
Nesa liña, esta Axenda, que contará cun orzamento autonómico de 55,5M€, estrutúrase en torno a catro eixos de actuación: a mellora do capital humano a través da formación; o impulso da innovación; o aumento da cooperación e a valorización, e a mellora da competitividade e a diversificación do sector.
Ao respecto, o presidente da Xunta explicou que 700 empresas poderán beneficiarse de xeito directo das medidas recollidas na Axenda, entre as que se atopan iniciativas para impulsar a dixitalización e o desenvolvemento de novos produtos derivados da madeira. A maiores, fomentaranse as vocacións e captación de talento, prestando especial atención á visibilización do talento feminino dentro desta industria para atraer a máis mulleres a este eido.
Para concluír, Feijóo lembrou que as accións incluídas nesta Axenda se suman aos proxectos propostos na candidatura galega aos fondos europeos Next Generation, como a fábrica de fibras téxtiles sostibles ou o proxecto Tech Madeira, que promove unha planta de novos materiais sostibles derivados da madeira así como a promoción da construción con madeira local.