A partir deste venres, 4 de marzo, todas as persoas interesadas en levar a cabo unha obra de rehabilitación que reduza o consumo e mellore a eficiencia enerxética do seu fogar, principalmente un cambio de ventás, poderán presentar unha solicitude ao novo programa de axudas que convoca a Xunta de Galicia e acceder a un incentivo de ata 3.000 euros.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou hoxe que o Diario Oficial de Galicia publicará mañá a resolución pola que se convoca esta liña de subvencións, xestionada polo Goberno galego e dotada cun orzamento de 13,5 millóns de euros de fondos europeos Next Generation, cos que se poderán atender un mínimo de 4.500 solicitudes.
Así llo avanzou Vázquez Mejuto ao presidente e o secretario xeral da Federación de asociacións de empresas da reforma e rehabilitación de Galicia (Federgal), Agustín Moreira e Rubén Mera, cos que mantivo unha reunión na que tamén participaron o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e o director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto.
A conselleira comunicoulles as condicións deste programa de axudas, para que o difundan entre os seus socios e membros, e estes, á súa vez, dean traslado aos interesados e beneficiarios das mesmas, co fin de darlle o último empurrón para que se animen a facer os seus fogares máis sostibles.
Explicou que un dos aspectos positivos desta liña de incentivos é que fixa como beneficiarios non só aos propietarios —individuais ou colectivos— dun inmoble, senón tamén aos usufrutuarios e arrendatarios de vivenda. Non obstante, debe ser o domicilio habitual e ter un uso residencial. No caso daqueles edificios que comparten outros usos, o 50% da superficie ten que estar dedicada a uso de vivenda.
O obxectivos destas axudas é reducir o consumo de enerxía e a demanda a través de pequenas obras. Os beneficiarios poderán acceder a unha axuda de ata o 40% do orzamento, cun máximo de 3.000 euros de subvención e un mínimo de 1.000 euros de custo da actuación. En todo caso, deberá acreditarase unha redución da demanda de enerxía dun 7% como mínimo, de aí que Ángeles Vázquez citara o cambio de ventás como un dos principais exemplos.
Asemade, mellorar o illamento das fachadas e das cubertas son outras actuacións que optimizan a eficiencia enerxética, así como o cambio da caldeira por unha instalación que non demande enerxía fósil (solar, biomasa, bombas de calor con xeotermia, etc.).
A conselleira de Medio Ambiente agradeceu aos representantes de Federgal a difusión destas axudas, que se poderán solicitar ata o vindeiro 14 de outubro por medios telemáticos, e que “de seguro serán un vector positivo para dinamizar a actividade económica do sector”.
Por último, lembrou que este é o segundo programa de fondos europeos que convoca e xestiona a Xunta, despois do PREE 5000, que abriu a súa convocatoria en xaneiro e “está a ser un éxito”, con máis de 200 solicitudes ata o momento.