domingo. 24.11.2024

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitaron hoxe no Centro de Investigacións Tecnolóxicas do Campus Industrial de Ferrol o módulo de arrecife artificial adaptado á xeomorfoloxía dos fondos mariños galegos desenvolvido por investigadores da Universidade da Coruña e perfeccionado no marco dun convenio de colaboración coa Xunta. Con este proxecto, sinalaron ambas conselleiras, Galicia avanza no deseño de arrecifes artificiais para favorecer a protección dos ecosistemas mariños e a economía circular.

A mellora do deseño deste módulo de arrecife artificial enmárcase nunha colaboración iniciada en 2020 entre a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Consellería do Mar e a Universidade da Coruña. A este labor a Xunta destinou 100.000 euros, o responsable das actividades deste proxecto é o investigador e profesor Luis Carral e nel participaron outros doce investigadores.

Na visita a conselleira do Mar puxo de relevo o valor dos arrecifes na protección e crecemento das especies mariñas, pois estas estruturas, sinalou, funcionan como refuxio de distintos recursos mariños.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aproveitou esta presentación para recordar que Galicia avanza xa na senda de mudar do modelo produtivo lineal, baseado en usar e tirar, ao circular, onde se prima a reutilización, reciclaxe, recuperación.

Explicou que esta iniciativa é un claro exemplo de economía circular, non só polo feito de repensalo e apostar por un deseño ecolóxico, co fin de reducir os posibles impactos das distintas fases de produción; senón tamén por optar pola reutilización de materiais inertes ligados ao mundo mariño que deixan de ser un refugallo para ter unha segunda vida como unha nova materia prima sustentable.

Grazas a esta colaboración Galicia avanza en cuestións de deseño dos arrecifes artificiais como as relacionadas co seu emprazamento e tamén coa resistencia dos materiais e a loxística. Cos traballos realizados no marco desta colaboración tamén se promove a sustentabilidade dos compoñentes da estrutura e dos procesos, pois, por unha banda, algúns materiais empregados son froito do aproveitamento de restos que resultan do procesado da industria conserveira. Por outra banda, os labores efectuados contribúen a unha maior eficiencia enerxética na creación de arrecifes artificiais, pois inclúen a proposta de solucións e tecnoloxías para acadar este obxectivo.

Neste sentido, Rosa Quintana e Ángeles Vázquez recoñeceron a valía destes traballos que son froito da suma de esforzos entre a Administración e a investigación en beneficio da mellora do medio ambiente mariño. A maiores, puxeron de relevo a importancia de visitas coma esta, xa que axudan a coñecer máis de preto o potencial investigador das universidades galegas e a difundir o valor do traballo dos seus profesionais.

A visita

Durante a visita, as conselleiras coñeceron da man do investigador Luis Carral os froitos desa colaboración entre a Xunta e a Universidade da Coruña. Ademais realizouse unha demostración de remolque do módulo de arrecife na que se puido comprobar o seu comportamento hidrodinámico á hora de canalizar e distribuír os nutrientes ás cavidades niño do arrecife.

Arrecifes artificiais, protección dos ecosistemas mariños