viernes. 22.11.2024

Ao redor de 50 concellos recibirán este ano 1 M€ en axudas para mellorar a imaxe exterior de edificios e equipamentos municipais

No caso concreto da liña reservada ás entidades locais, a responsable autonómica indicou que, unha vez realizadas por parte do IET todas as propostas de resolución, a previsión é que o orzamento reservado para este ano —1 millón de euros— volva esgotarse e permita axudar a preto de 50 municipios na execución de máis de 60 intervencións exteriores sobre edificios, equipamentos públicos e elementos etnográficos municipais como fontes, lavadoiros, palcos de música e hórreos.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou esta mañá de venres unha actuación executada en Mondoñedo o ano pasado
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda visitou esta mañá de venres unha actuación executada en Mondoñedo o ano pasado

A Xunta concederá este ano 1 millón de euros en axudas a preto de medio cento de concellos para apoialos no financiamento de máis de 60 obras e actuacións que contribúan a mellorar a imaxe exterior de edificios públicos, equipamentos e outros elementos e instalacións de titularidade municipal, reducindo deste xeito o impacto paisaxístico que poden causar sobre a contorna.

Así o avanzou este venres a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que visitou en Mondoñedo un edificio municipal rehabilitado o ano pasado polo Goberno local precisamente grazas a estas axudas e co fin de destinalo a usos culturais vencellados co Camiño de Santiago.

Acompañada do alcalde do municipio, Manuel Otero, a responsable autonómica explicou que o pasado mes de xaneiro o Instituto de Estudos do Territorio (IET) convocou por terceiro ano consecutivo dúas ordes de axudas para a corrección de impactos paisaxísticos: unha dirixida a concellos de menos de 20.000 habitantes e a outra, a propietarios particulares.

No caso concreto da liña reservada ás entidades locais, a responsable autonómica indicou que, unha vez realizadas por parte do IET todas as propostas de resolución, a previsión é que o orzamento reservado para este ano —1 millón de euros— volva esgotarse e permita axudar a preto de 50 municipios na execución de máis de 60 intervencións exteriores sobre edificios, equipamentos públicos e elementos etnográficos municipais como fontes, lavadoiros, palcos de música e hórreos.

Neste sentido, explicou que a intención do organismo autonómico é notificar as concesións a todos os concellos beneficiarios este mesmo mes de marzo co fin de que poidan iniciar as actuacións subvencionables o antes posible.

Así e tras subliñar a boa acollida que tiveron estas axudas desde a súa primeira convocatoria, no ano 2021, Ángeles Vázquez enmarcou a iniciativa na aposta decidida da Xunta polo fermosismo e nas súas políticas de apoio ás entidades locais, ás que agradeceu o interese e implicación demostrados para avanzar na mellora das súas instalacións e na protección da paisaxe.

A tal fin, lembrou que a orde de axudas incluía dúas liñas de actuación: unha reservada para obras coas que emendar posibles impactos paisaxísticos en edificios e dependencias destinadas a servizos municipais; e outra, para melloras en construcións, equipamentos públicos e bens que integren o patrimonio etnográfico local, facendo especial fincapé en elementos como fontes, hórreos, palcos de música e lavadoiros.

O importe destes incentivos é de ata 20.000 euros por liña —o 70 % do custo total estimado das obras— de xeito que os concellos beneficiarios este ano poderán recibir ata 40.000 euros, como máximo, para intervir sobre dependencias e equipamentos públicos municipais que, polo seu aspecto ou o deterioro derivado do paso do tempo, produzan unha distorsión na paisaxe onde se localizan.

No caso de Mondoñedo, a intervención realizada centrouse nunha vivenda tradicional en estado ruinoso que foi habilitada para usos culturais. As actuacións executadas no edificio —para as que o Concello de Mondoñedo recibiu unha axuda de 20.000 euros do IET ao abeiro da convocatoria de axudas de 2022— incluíron o derrubo da estrutura da cuberta e a súa reposición con madeira, pintado exterior, reparación da porta de acceso a vivenda e da única fiestra existente, e reconstrución da fachada posterior con cachotería de pezas de lousa e cuarcita, así como un beirado de pedra.

Ao redor de 50 concellos recibirán este ano 1 M€ en axudas para mellorar a imaxe...
Comentarios