O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, clausurou hoxe o acto de graduación do alumnado do Centro Superior de Hostalería de Galicia (CSHG) que rematou a súa formación. Trátase dos 47 integrantes da oitava promoción do Diploma Superior e Xestión Hoteleira e 16 da quinta do Diploma de Gastronomía e Xestión en Cociña, 63 en total. Na súa intervención, destacou o prestixio acadado polo CSHG nos seus 27 anos de traxectoria cunha formación de excelencia e calidade.
O acto celebrouse con aforo limitado ao alumnado e 2 asistentes por cada un deles debido ás restricións da covid-19 e contou como padriño co fundador de Alda Hoteles, Alberto Rodríguez, Boo. Tamén asistiron a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a directora do CSHG, Marta Fernández, e o reitor da Universidade de Santiago (USC), Antonio López.
O vicepresidente primeiro da Xunta agradeceu o esforzo realizado polo alumnado e os docentes nesta etapa académica e, sobre todo, no último ano coa adaptación ás medidas de prevención pola covid-19 levadas a cabo no centro para garantir unha formación con tódalas garantías. Ademais, sinalou a importancia da formación recibida para ter profesionais ben preparados na comunidade que contribúan a contar cun sector turístico competitivo, seguir facendo de Galicia un destino seguro e de calidade e manter a gastronomía como un factor de excelencia, desestacionalización e diferenciación da oferta turística galega.
Co obxectivo de continuar a mellorar a competitividade e a calidade do sector, lembrou que no curso 2022-2023 a oferta académica do CSHG pasará a contar co Grado Dual de Innovación Gastronómica e Xestión Hoteleira asinado xa este ano coa Universidade de Santiago.
Por outra parte, de cara a ofrecer neste Xacobeo 21-22 un servizo de calidade aos turistas e peregrinos que visiten Galicia, a Xunta imparte tamén neste centro os cursos do Plan de Formación Turismo de Galicia 2021, que ata finais de ano permitirá mellorar a formación de 5.000 profesionais do sector en ámbitos como os idiomas ou as novas tecnoloxías. O Goberno galego tamén colaborou en formar ao sector nas medidas de prevención ante a covid-19 para reforzar a imaxe de Galicia como destino seguro.
Nesta liña, a seguridade é o piar sobre o que traballa a Xunta coa meta de recuperar a confianza dos viaxeiros a través de medidas pioneiras como o seguro coronavirus activado esta semana e co que turistas e peregrinos terán cubertos os seus gastos derivados dunha infección por covid-19 ou por alongar a estancia por corentena obrigada.
Lembrou que a formación no CSHG axuda tamén a situar a Galicia como destino enogastronómico, tendo en conta que precisamente a gastronomía é o segundo dos motivos polos que que os turistas elixen Galicia. Así, sinalou que a gastronomía galega basease na calidade dos produtos e na profesionalización do sector, como acreditan as 15 Estrelas Michelin concedidas este ano a 14 restaurantes galegos, xunto cos 25 incluídos na categoría big gourmand e 3 con estrela verde polo seu compromiso coa sustentabilidade.
CENTRO DE REFERENCIA
Desde a posta en marcha deste centro en 1994 saíron profesionais recoñecidos a nivel mundial e mesmo algúns con Estrelas Michelin. O CSHG conta cunha proxección internacional e moitos dos seus alumnos traballan en establecementos de toda Galicia e toda España, así como en moitos outros países.