O xurado dos Premios Artesanía de Galicia 2022, presidido polo director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, decidiu nomear catro finalistas da categoría principal da edición deste ano. Así, resultaron finalistas do Premio Artesanía de Galicia 2022 os obradoiros de coiro de Santiago Besteiro (Monterroso) e Raíces Nómadas (Ribadeo) e mais os obradoiros de cerámica Verónica Moar (A Coruña) e Laura Delgado (Cambre).
Os vogais que completaron o xurado foron Idoia Cuesta, gañadora do Premio Artesanía de Galicia 2021; Marta López, subdirectora xeral de Comercio; Manuel González Arias, membro e expresidente de Oficioyarte (Organización dos Artesáns de España) e un dos fundadores da Asociación Galega de Artesáns (AGA); Juan Adrio Fondevila, director da EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela e Elena Pardo Antequera, directora da EASD Pablo Picasso – Escola de Arte e Superior de Deseño da Coruña. A xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, actuou como secretaria do xurado, con voz pero sen voto.
Durante a súa reunión, o xurado quixo facer fincapé na dificultade do seu labor dada a elevada calidade das propostas recibidas. Despois das oportunas valoracións e análises segundo os criterios sinalados nas bases reguladoras, o xurado acordou por unanimidade nomear finalistas para o Premio Artesanía de Galicia 2022, dotado con 9000 euros, estas catro candidaturas.
Peza con lema Chantos, do obradoiro Santiago Besteiro Design (Monterroso, Lugo), un conxunto escultórico realizado con coiro moldeado e ratán, baseado nas pedras que tradicionalmente pechaban fincas no rural galego. Trátase de dúas formas de liñas simples e carácter arquitectónico que parecen emerxer da natureza amosando perennidade, unidade e forza.
Os gañadores das tres categorías que conforman os galardóns, Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Bolsa Eloy Gesto, daranse a coñecer nun acto público que se celebrará no mes de decembro
Peza con lema Crioulo, do obradoiro Raíces Nómadas (Ribadeo, Lugo), un bolso de man elaborado en coiro con técnicas mixtas baseadas na soguería criolla e na marroquinería europea. O obxectivo é plasmar a fusión de culturas a través tanto dos materiais como das técnicas empregadas.
Peza con lema In itinere, do obradoiro Verónica Moar (A Coruña), unha proposta que lle rende homenaxe aos oficios como un dos patrimonios máis importantes da cultura popular galega, en concreto, con aqueles que implicaban o desprazamento dun lugar a outro, conservando durante anos as técnicas, os materiais, as ferramentas e o bo facer dos artesáns.
Peza con lema O mundo ao revés. Coctelería peliqueira, do obradoiro Laura Delgado (Cambre, A Coruña), unha colección de vasos de coctelería que imitan en porcelana o concepto dos vasos tiki decorados con elementos da cultura polinesia. Enlázanse co entroido tradicional da provincia de Ourense e representan os Peliqueiros de Laza, as Pantallas de Xinzo e os Felos de Maceda.
Os Premios Artesanía de Galicia están impulsados pola Xunta co obxectivo de recoñecer o talento e a traxectoria dos profesionais do sector artesán galego, estimular a súa creación e fomentar o relevo xeracional no sector. Como en anos anteriores, os galardóns divídense nas categorías Premio Artesanía de Galicia, Premio Traxectoria e Premio Bolsa Eloy Gesto e os gañadores daranse a coñecer nun acto público que se celebrará en Santiago de Compostela durante o mes de decembro.