jueves. 21.11.2024

 A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, salientou esta mañá que a comezos de 2021 se convocará a liña de axudas con 17 millóns de euros para mellorar a eficiencia enerxética dos edificios existentes. Así o recordou a conselleira durante unha visita ás obras para a mellora da eficiencia enerxética e da sustentabilidade que se están a executar no edificio localizado no número 1 da rúa Almirante Romay, e que se beneficiou dunha axuda de 70.000 euros para o acondicionamento total da súa fachada e a instalación dunha fachada exterior ventilada proporcionado un illamento térmico e acústico.

Segundo a conselleira, esta liña de axudas que será convocada polo Instituto Galego da Vivenda e Solo a comezos de xaneiro están dirixidas aos propietarios de vivendas unifamiliares ou de edificios de tipoloxía residencial e ás comunidades de persoas propietarias o as agrupacións de comunidades; e grazas a estas actuacións se aforra enerxía e custos, se definen vivendas máis eficientes e se acadan inmobles máis respectuosos co medio ambiente.

Así, ata o ano 2023 os veciños interesados en mellorar a eficiencia enerxética da envolvente térmica, apostar polo uso de enerxías renovables nas instalacións térmicas de calefacción, climatización, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria e nas instalacións de iluminación, poderán acceder aos fondos dispoñibles e que para o ano 2021 se fixan en 8,5 millóns de euros.

Ángeles Vázquez salientou que fomentar este tipo de actuacións é un xeito de conservar e rehabilitar o parque edificatorio das vilas e das cidades galegas. Nese sentido, tamén avanzou que a Cidade da Coruña, concretamente a zona da Pescadería, será incluída no oferta pública de adquisición de inmobles do programa Rexurbe, polo que no vindeiro ano se disporá dun orzamento dun millón de euros para adquirir edificios, que se rehabilitarán para dispoñer vivenda de alugueiro para os veciños da cidade.

Nese sentido, destacou que Coruña é unha das cidades galegas que rexistra unha importe demanda de vivenda, polo que facilitar un fogar aos veciños é un obxectivo prioritario para o departamento que dirixe. Salientou que na zona do Ofimático se están a construír 40 novas vivendas, nas que se invisten 3,3 millóns de euros, para dar resposta á dita demanda.

Por último, a conselleira manifestou que o conxunto de actuacións se enmarcan no impulso dado polo Goberno na última década en materia de vivenda, un traballo que se verá reforzado nos vindeiros anos, xa que se prevé mobilizar un orzamento de máis de 430 millóns de euros ata o ano 2025, coa que beneficiar a 70.000 fogares, grazas a axudas en materia de acceso á vivenda, rehabilitación e solo residencial.

17 millóns de euros para mellorar a eficiencia enerxética dos edificios