viernes. 22.11.2024

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, presidiu un encontro informativo cos representantes dunha vintena de colectivos profesionais e empresas galegas de cinema e televisión para lles avanzar a nova medida de fortalecemento do sector que a Xunta de Galicia porá en marcha ao abeiro do seu Hub Audiovisual da Industria Cultural. Trátase dunha liña de subvencións dun investimento de 1,2 millóns de euros que permitirá que as produtoras desenvolvan a preprodución simultánea de entre tres e cinco propostas, impulsando así a solvencia do audiovisual galego e a súa capacidade para xerar contidos cunha alta viabilidade cara a súa posterior produción e distribución.

Román Rodríguez explicou que estas axudas supoñen un novo avance nos obxectivos que o Goberno Galego persegue coa posta en marcha do seu Hub Audiovisual, cunha inxección de 9,6 millóns de euros nas industrias culturais galegas durante o trienio 2021-2023 a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE. O conselleiro subliñou que, no caso do audiovisual, este “investimento sen precedentes” converte o Hub na “pedra angular da súa consolidación” a través de diferentes liñas de traballo que están a ser deseñadas conxuntamente co sector.

CONVOCATORIA PRÓXIMA

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a coordinadora do seu departamento de Política Audiovisual, Dolores Meijomín, participaron tamén neste encontro, no que se detallaron os principais puntos desta convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para a que se abrirá proximamente o prazo de solicitude. Será a segunda das medidas postas en marcha no marco do Hub, tras a publicación o pasado mes de setembro da primeira convocatoria do fondo para a atracción de rodaxes cun orzamento de 2 millóns de euros.
Poderán optar ás novas subvencións de desenvolvemento aquelas produtoras independentes, con máis de dous anos de traxectoria, que presenten paquetes de entre tres e cinco proxectos sobre os que teñan dereitos suficientes de propiedade intelectual, así como un acordo ou precontrato coas persoas encargadas do guión e da dirección.

A súa activación suporá un impulso fundamental ás produtoras galegas máis consolidadas á hora de acometer proxectos estratéxicos, ao tempo que facilitará o crecemento de compañías máis recentes, pero con vocación e talento para enfrontar un salto de escala. Búscase promover deste xeito a xeración dunha destacada carteira de proxectos de propiedade industrial galega, con ambición de competir e captar outros financiamentos no mercado internacional.

REACTIVACIÓN

O feito de dotar as produtoras dos medios suficientes para o desenvolvemento de varios proxectos á vez redundará, así mesmo, nunha reactivación do conxunto da industria, xa que implicará un aumento na demanda de propostas e na contratación de profesionais creativos e de servizos relacionados cos labores previos á produción audiovisual.

Ademais, estas axudas para proxectos agrupados convivirán coa liña de subvencións ao desenvolvemento que anualmente publica a Xunta e que en 2021 distribuíu 300.000 euros entre 17 futuras producións. A complementariedade das dúas convocatorias permitirá atender unha maior diversidade de iniciativas e apoiar ás empresas dun xeito máis personalizado segundo a súa capacidade e escala de produción.

1,2 M€ permitirá que as produtoras desenvolvan a preprodución simultánea de entre tres...