Eusebio Méndez, xerente de Galifresh (Grupo Frutas Nieves): “Galicia Calidade non é unha medalla que te pos e logo esqueces”
“É un proxecto ilusionante...con produto da nosa Terra e de alta calidade. Un produto para todos...” así fala un home a quen lle ven de familia o sector da froita, un galego que sabe moito do mundo do plátano e no que Grupo Nieves depositou toda a confianza para levar adiante Galifresh. Unha pequena empresa dentro do Grupo (factura 1,6 millóns, dos 23 do Grupo Nieves), pero cun futuro prometedor. Dentro de dous meses, Galifresh trasládase a unha nova fábrica que multiplicará por 10 a súa capacidade de elaboración de purés de froita e sopas e cremas vexetais. No maxín deste home, que se define cunha grande “curiosidade” por innovar, estudar e crear novos produtos, ábrese un novo panorama. Aínda que se confesa “un veterano de 63 anos e no fin da carreira...”, vai dar o mellor de si nesta nova etapa.
Eusebio Méndez é o xerente de Galifresh, un home de confianza do Grupo Nieves do que a familia Gallar é propietaria. Exerce como xerente e encargado de produción conxuntamente coa súa “alma xemelga no negocio”, Ramón Navarro, encargado da comercialización.
A idea de elaborar un puré de froitas, que non precisa frío para a súa conservación, así como sen conservantes, nin azucre engadido, foi en realidade unha demanda do público. Tras un traballo para un hospital vigués, concretamente unha compota (esta si que leva azucre) e que trouxo máis encargos, Frutas Nieves empezou a detectar que nas súas tendas a xente ía pedir aquela terrina que tiña na tapa o nome e o logo de Frutas Nieves, doada de deglutir, e que aquela persoa tomara durante a súa hospitalización.
“Na vida, ás veces, son casualidades”, di Eusebio. E este maiorista de froitas que é o Grupo Nieves, con 35 anos no mercado, caeu na conta deste nicho de mercado e a posibilidade dun novo negocio. Este ano 2020 saíron da fábrica no polígono de Valadares 3 millóns de unidades Galifresh de purés de distintas froitas. Mesturas de peras e plátanos, amorodos e arandos, manga, con laranxa e plátano... sempre tendo como base a mazá galega.
GALICIA CALIDADE
No último ano conseguiron o que buscaban, a certificación de Galicia Calidade. “Nós pelexamos por ter ese selo de calidade. Os produtos galegos, como o peixe, as verduras e as froitas, xa son sinónimo de calidade. Para nós o feito de ter certificados por Galicia Calidade os nosos purés é un plus, unha forma de que se saiba que o noso produto ten unha calidade”. Así, desde 2020, están neste selecto club de proxección nacional e internacional.
O maior problema, explica Méndez, é ter materia prima galega para poder ser certificados por Galicia Calidade. “Ás veces, en Galicia, non semella doado conseguilo”. Pero, claro, isto é un requisito imprescindible. E Eusebio fala da mazá galega. “Empeza agora a ser coñecida. Temos producións de mazás de media altura fantásticas, e é onde mellor se dan as maceiras, por riba dos 600 metros de altitude”.
Pero “Galicia Calidade non é unha medalla que te pos e logo esqueces. Supón un reto, xa que, para manter a certificación, hai que superar as auditorías”. Refírese aos controis, como o de trazabilidade do produto e todo o referente á súa orixe (cadernos de produción, o proceso loxístico de traslado, o almacenamento nas nosas instalacións, o proceso de cocción (referímonos así, aínda que en realidade Galifresh fai un enfornado en grandes marmitas). “¡Fan un seguimento total!”, conclúe Eusebio Méndez.
CONSUMIDOR
O perfil do consumidor dos purés de froitas de Galifresh é moi amplo. “Este é un produto que pode tomar un rapaz pequeno –non é un produto para bebés-, vai moi ben para deportistas, para levar ou ter na oficina e tomar unha media mañá ou unha merenda...Como é doado de deglutir para as persoas fráxiles, apréciano en hospitais e agora estamos a entrar en residencias de maiores”.
NOVAS INSTALACIÓNS
En marzo, Galifresh podería estar xa na nova fábrica no polígono da Pasaxe en Gondomar. Eusebio está ilusionado con multiplicar por dez a produción. “As novas instalacións son moi boas e quizais as mellores a nivel galego deste sector”. Unha instalación para poder traballar agora e cara o futuro. Méndez soña con que Galifresh medre na exportación. Europa, Asia e América son os seus obxectivos. Xa están a enviar o seu puré de froitas a Corea, Brasil, Israel, Portugal e por suposto ao mercado nacional español. “A nova fábrica vainos permitir medrar. Porque, se non temos capacidade produtiva, teremos a oportunidade de ampliar o negocio”.
Tamén as novas instalacións van permitir desenvolver novos produtos. “Temos moitas ideas de produtos en carteira e para todo iso precisabamos espazo, instalacións”.
Así vai ser, porque xa obtiveron o ano pasado premios cos untables vexetais. A sobrasada vegana con boniato e tomate deshidratado levou un premio á innovación do Cluster de Alimentación de Galicia.
SOPAS E CREMAS
Outra liña de negocio de Galifrehs, fóra do selo de Galicia Calidade, son as sopas, cremas e untables. Son produtos cunha vida máis perecedoira e que precisan frío. Empezaron a fabricarse en 2015 e “foi crecendo moi rápido”. En 2020, produciron máis de 400.000 envases de 800 mililitros.
CADRO DE PERSOAL
A diversidade funcional do 70% do cadro de persoal é outro activo de Galifresh que non só proporciona traballo a persoas que o teñen más difícil senón que as integra na sociedade. E isto desde o inicio do proxecto.