A Xunta abrirá proximamente o proceso de concorrencia competitiva para seleccionar as propostas de aproveitamento das parcelas que conforman a aldea modelo do Penedo, en Boborás. Así llo trasladou o conselleiro do Medio Rural, José González, á alcaldesa desta localidade ourensá, Patricia Torres, nunha xuntanza de traballo na que tamén participou a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé.
Así, no encontro tratáronse os avances nesta aldea modelo que inclúe 675 parcelas de 132 propietarios, cunha superficie global de 23,41 hectáreas. Unha vez xa se atopa na zona un pastor cunhas 80 cabras, apuntou o conselleiro que en breve comezará a selección de produtores e empresas interesadas en traballar os predios.
Nesa liña, e segundo o borrador de guía de ordenación produtiva da aldea do Penedo publicado o pasado mes de marzo no Diario Oficial de Galicia (DOG), cómpre lembrar que se contempla como uso preferente a gandaría en extensivo e o cultivo de produtos de horta, cereal e froiteiras. A maiores, e como uso secundario dependendo da zona, sinálase a plantación de castiñeiros para a obtención de froito.
Na reunión tamén se acordou avaliar a implantación doutros instrumentos de mobilización incluídos na Lei de recuperación da terra agraria de Galicia -aprobada este martes no Parlamento-, como a dos polígonos agroforestais. A maiores, tratouse a posibilidade de mellorar distintas infraestruturas rurais e de prevención de incendios en Boborás, así como elementos do patrimonio deste municipio.