O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, trasladou hoxe o interese de Galicia por reforzar a relación con Xapón, a través de novos proxectos turísticos, educativos e económicos.
Logo de recibir a condecoración da Orde do Sol Nacente, Raios Dourados con Cinta Colgante, da man do embaixador do Xapón en España, Kenji Hiramatsu, Feijóo salientou que o país nipón ocupa un lugar preferente dentro da Estratexia galega de acción exterior.
Nesta liña, recordou que en 1998 o presidente Fraga deu os primeiros pasos para establecer a irmandade de Galicia e a Prefectura de Wakayama, da que depende o Camiño Kumano. “E, desde entón, ambas rexións colaboramos en diferentes iniciativas, co obxectivo de fomentar o intercambio cultural e económico”, dixo, referíndose ás actividades conxuntas de promoción dos dous camiños, con charlas en diferentes puntos en Europa e en Xapón; ou coa posta en marcha da exposición Santiago-Kumano, camiños de peregrinación, visitada por miles de persoas en Santiago, París, Wakayama e Tokio.
Así mesmo, destacou o convenio asinado en 2015 co gobernador de Kagawa para irmandar a Ruta Xacobea co Camiño Shikoku-Henro; e o inicio, este mesmo mes, das conversacións con autoridades xaponesas para irmandar tamén o Camiño de Santiago co Camiño Kannon, a ruta relixiosa máis antiga nipona, declarada Patrimonio Cultural de Xapón.
Ademais de impulsar o turismo en ambas direccións -desde 2009 o número de peregrinos xaponeses case se triplicou, ata superar as 1.450 compostelas en 2019-, o presidente da Xunta fixo fincapé no impulso das relacións no eido educativo, cultural e económico.
Nesta liña, afirmou que o Goberno galego seguirá impulsando o coñecemento do galego, a través das relacións académicas, ou o programa de intercambio dirixido a mozos galegos para que pasen unha estancia en Xapón. “E queremos que a colaboración poida estenderse a outros ámbitos como o científico-técnico, unindo coñecementos en, por exemplo: a oceonografía; a mellora da comercialización de produtos agrícolas, pesqueiros ou de alimentación; a automoción ou a industria naval”, engadiu.
E no eido económico, Feijóo reiterou o compromiso do Executivo galego para atraer investimento á Comunidade, como ocorre coa empresa Showa Denko, que acaba de anunciar o interese de crear na Coruña unha nova planta de grafito para baterías de automóbiles eléctricos, adicional á xa existente destinada a fabricar grafito artificial para procesos produtivos.
Sobre este punto, o responsable do Executivo galego lembrou que Galicia conta coa presenza de importantes empresas xaponesas, como Sojitz, NTT Data ou Toyota. Precisamente o acordo de Toyota e Stellantis para a fabricación da furgoneta Proace City constitúe un dos fitos de competitividade máis relevantes do sector da automoción galego.
“E non queremos que esta frutífera relación económica se deteña aquí”, dixo, resaltando que neste 2022 a Xunta ten previsto abrir unha oficina do Igape en Tokio, co obxectivo de seguir fortalecendo as relacións comerciais e de investimentos con Xapón.
“En definitiva, somos dúas terras abertas, acolledoras cos demais, ricas en patrimonio cultural e natural. Dúas terras de peregrinación e grandes defensoras do intercambio entre culturas”, dixo, agradecendo en nome de todo o pobo galego a condecoración, “mostra do recoñecemento ao traballo que desde hai máis de dúas décadas realizan moitos galegos para unir esta Comunidade e o país asiático”.