O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, tras a reunión do Consello, un investimento de 52 millóns de euros para apoiar aos concellos no cumprimento dos obxectivos da Unión Europea no ano 2023 en materia de biorresiduos, coa extensión do quinto contedor de cor marrón e coa dispoñibilidade de plantas de tratamento.
Así, Feijóo salientou que a Xunta destinará gran parte deste orzamento á construción de tres novas plantas de biorresiduos, nos concellos de Vilanova de Arousa, Cervo e Verín, cuxos proxectos construtivos se atopan en fase de adxudicación co obxectivo de que estean operativas en 2022. Ademais, lembrou que xa hai unha planta en funcionamento no concello de Cerceda, a base central de Sogama.
O titular do Goberno galego especificou que estas catro plantas darán servizo a 700.000 habitantes que viven en 85 concellos, e procesarán 46.200 toneladas anuais de residuos orgánicos. Trátase dunhas instalacións que se complementarán con outras destas características, tanto públicas como privadas, actuais e futuras.
Esta rede industrial completarase coas plantas de transferencia, que serven para transvasar a materia orgánica e transportalas á plantas de biorresiduos. Sobre isto, Feijóo aseverou que se destinarán 5 millóns de euros para transformar en plantas de transferencia as microplantas dos concellos de Curtis, Ponteceso, A Cañiza, Riotorto e A Lama, así como para a construción dunha nova en Cee.
Así mesmo, destinarase unha partida de 2 millóns de euros para adaptar sete plantas de transferencia que xa están funcionando en Chantada, Sarria, Vigo, Silleda, A Rúa, Narón e O Porriño.
Deste xeito, Feijóo sinalou que, coa aposta do Goberno galego, conseguirase que 280 concellos galegos dispoñan dunha planta de residuos ou de transferencia a menos de 50 quilómetros de distancia.
Na actualidade Sogama dá servizo a 295 concellos, polo que nos 15 municipios que non entran dentro deste radio de 50 quilómetros apostarase pola compostaxe individual e comunitaria, salvo en Ribeira onde o Concello está a habilitar a súa propia planta de transferencia.