domingo. 22.12.2024

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe en Santiago de Compostela con representantes da Asociación Galega da Empresa Familiar (AGEF) co obxecto de abordar futuras colaboracións coa entidade e enxalzar o importante papel que desenvolven no fomento do espírito empresarial e como fonte de creación de emprego.

A Xunta é consciente da afectación que esta crise sanitaria está a ter na empresa familiar, que representa o 92% do tecido produtivo galego. Tal e como lle trasladou a conselleira á AGEF, representada entre outros polo seu presidente Víctor Nogueira e o presidente de honra, Roberto Tojeiro, constitúe unha prioridade do Goberno galego apoiar no actual contexto sanitario ás empresas con raíces e vocación de permanencia na comunidade que tanto contribúen á súa riqueza.

Neste sentido, expuxo Lorenzana, o Plan de rescate a persoas traballadoras autónomas, microempresas e sector da hostalaría pechado polas medidas sanitarias, que acaba de activar a Xunta cun orzamento de 84 millóns de euros, está concibido para apoiar a rede de pemes e micropemes que soportan un amplo tecido social como ocorre coa empresa familiar.

ASOCIACIÓN

A Asociación Galega da Empresa Familiar naceu en xaneiro do ano 2000 e integra as 57 principais compañías galegas que facturan 11.000 millóns de euros e dan emprego directo a 55.000 persoas.

A conselleira destacou a importante contribución destas empresas para fortalecer a creación de emprego e contribuír á riqueza da Comunidade. Na actual realidade socioeconómica, destacou Lorenzana, é fundamental traballar na creación de empresas, pero aínda o é máis garantir a continuidade e a consolidación das xa creadas.

A empresa familiar representa o 92% do tecido produtivo galego