Fantástico Campionato de Galicia absoluto de pista cuberta o vivido no día de onte nas pistas de Expourense que nos deixaba a consecución dun fantástico récord do mundo, nove récords de Galicia así como a acreditación de varias marcas mínimas para o nacional absoluto que terá lugar no mesmo escenario os días 25, 26 e 27 deste mesmo mes.
EMOCIÓN, CALIDADE E BOAS MARCAS
Como era previsible, foron moitas as probas que contaron cunha enorme igualdade e disputa o que se traduxo na consecución de excelentes rexistros. Para comezar os 60 m. cumpriron os prognósticos con triunfos para os principais favoritos, Javier García do Celta con 6.86 e os excelentes 7.65 de Ainhoa Reparaz do Val Miñor quen se convertiron nun novo récord galego Sub18 constatando a gran evolución do sector de velocidade galego nos últimos anos. Non menos importantes foron os segundos postos tanto de Adrián Pérez con 6.88 como a da bimedallista paralímpica en Tokio-20 e principal figura do campionato, Adi Iglesias do Lucus quen logo dunha mala saída, remontaba ata o segundo posto con 7.81
Nos 200 m. novamente Ainhoa Reparaz facíase co título autonómico cun excelente rexistro de 25.29 polos 21.54 do principal favorito na categoría masculina o plusmarquista galego internacional de 100 m. e 200 m. Mauro Triana, que perfila a súa presenza no campionato nacional. Sergio Rodríguez da Gimnástica, lograba o subcampionato e acompañará a Triana ao estatal, grazas aos seus salientables 21.75
Os 400 metros tiveron tanto en María Fernández como en Jacobo Soler aos grandes protagonistas por partida dobre xa que non só lograban a medalla de ouro no Campionato, senón que os seus rexistros de 55.91 e 48.28 representan unha nova plusmarca galega Sub20 o que promete un futuro esperanzador nesta importante especialidade.
Nos valos cumpríronse os pronósticos co triunfo de Teresa Rodríguez do Riazor quen volve a alta competición acreditando 8.71, namentras que Hugo Vázquez do Marineda con 8.17 lograba un novo récord galego Sub20 e o triunfo ante un serio rival como é Santi Rozas do Lucus quen remataba segundo con 8.30.
Os 800 m. resultou ser un dos pratos fortes da competición na categoría feminina. Novamente Xela Martínez da Atlética Lucense, daba mostras do seu enorme talento impoñéndose nada menos que a Raquel Meaños que a facían rematar cun sencional crono de de 2:09.40 o que representa un novo récord galego Sub18, quedando ás portas do récord de España (2:09.09) Lembramos que a lucense xa ten os récords nacionais de pista cuberta tanto dos 1.500 m. como dos 3.000 m. Na categoría masculina, e tamén en vibrante carreira, o atleta da Gimnástica Adrián Lago con 1:54.34, entraba en meta por diante de Ignacio del Buey do C.A.Sada quen concluía na segunda posición con 1:55.97.
Xa no fondo, dominio da internacional e campioa galega de Campo a través Esther Navarrete con 4:24.68, sendo a categoría masculina unha das máis emocioantes do campionato con triunfo de Carlos Porto da Gimnástica con 3:49.13 quen entraba por diante do compañeiro de equipo Pablo Bocelo con 3:49.26, míninimas en ámbolos dous casos para tomar parte no Campionato nacional.
Continuando ca proba dos 3.000 m. o atleta estradense El Mehdi El Nabaoui lograba un claro triunfo con bo rexistro de 8:14.78 que serve de excelente estímulo logo da tempada de campo a través realizada ata o momento. Pola súa banda a subcampioa galega absoluta de campo a través, Laura Santos do Lucus lograba un claro triunfo con 9:20.78.
Nesta distancia salientar novamente a consecución dun novo récord mundial da santiaguesa Esther Pedrosa que suma nada menos que catro plusmarcas mundiais. Desta vez foron os 3.000 m. cun tempo final de 10:56.17 que a permiten ¨recuperar¨ de novo esa plusmarca mundial na categoría W60.
Nos concurso de lonxitude protagonismo dos saltadores do Real Club Celta, cun Raúl Cortizo que chegaba no seu cuarto salto ata os 7.14 m. e que servían para mellorar os 7.05m. de Sergio Coello. Pola súa banda Andrea Villaverde da Gimnástica con 5.66 m. vencía a Lucía Sánchez del Valle que rexistraba 5.55 m. no seu último intento.
Sen abandoar o foxo, no triplo masculino o principal favorito Alex Barreiro cumplía os pronósticos facéndose con 15.03 m. co campionato galego. En mulleres a campioa de España indoor Sub18 Alba Cuns, lograba desta vez a medalla de ouro con 12.72 m. por diante da campioa de España de Aire Libre Sub18 Diaou Diallo do Ría Ferrol quen reservaba o seu ¨tocado¨ seonllo no último salto para o nacional
Titulo autonómico no concurso de altura para a medallista do pasado nacional Sub18 Enma Sihuang da A. Lucense con 1,70 m. que iguala a súa MMP. Nos homes o saltador do A.Santiago Mateo Aller facía o propio cun salto de 1.82 m.
Na pértega Lisa Vosberg non puido estrear de mellor xeito a súa nova camiseta do Celta, lograba o título a dous centímetros do seu récord galego Sub18 con 3.53 m. Completaban podio Bea Viteri do Scorpio71 con 3.43 m. e Manuela Blanco do Ourense Atletismo con 3.25 m. Pola súa banda na categoría masculina foi o sadense Tomás Lopez quen chegaba ata os 4.55 m. que servía para superar aos 4.50 m. de Adolfo Saínz- Maza do Celta.
Para rematar, no concurso de peso Victor Gallego da Gimnástica recuperaba o título de campión absoluto grazas aos seus 15.57 m. que serviron para vencer a Miguel Angel Granado do Celta con 14.55 m. e a o campión galego Jaime Arias do Riazor Coruña que remataba bronce con 14.23 m. Con este rexistro ademáis, Gallego lograba o récord galego máster 35 onde tamén faría o propio, pero na categoría master 50, Ramón Valdivieso do AVA con 8.79 m.
Raquel Revuelta do Celta con 13.36 m. superaba as súas rivais neste concurso na que a segunda posición foi parar a Xiana Lago do Ría Ferrol con 12.23. De igual modo que acontecía na categoría masculina, María Fernández do Ourense atletismo na categoría máster 50, lograba o récord galego con 8.80 m.
Na foto adxunta: Podio dos 800 m. De esquerda a dereita: María Carballido 3ª/ Xela Martínez 1ª/ Raquel Meaños 2ª)