viernes. 22.11.2024

Tui acolle este domingo 27 de xuño, a partir das 10.30 horas, no novo pavillón deportivo municipal, o VII Campionato Ibérico de Kung Fu Eurocidade. Este evento está organizado polo Club Di Som Tui, en colaboración coa Eurocidade Tui-Valença e a Federación Galega de Kung Fu. O evento poderá seguirse en liña a través da canle de Youtube da Federación Galega de Kung Fu, ou presencialmente até completar o aforo do pavillón.

O campionato de Kung Fu dividirase nunha parte de Kung Fu tradicional e outra de Kung Fu moderno. Participarán 325 deportistas e o evento contará coa participación dos 15 mellores competidores de Galicia seleccionados fai quince días en Ourense, xunto a unha selección de competidores de Portugal, a maioría medallistas na súa federación. “Na competición demos un salto de calidade no deportivo e ademais faremos o campionato máis visual para o público, coa instalación dun novo sistema dixital de marcadores no pavillón que facilitará o seguimento da competición”, sinalaba o presidente da Federación Galega de Kung Fu, Carlos Alonso.

Dende a directiva da Federación Galega de Kung Fu salientan tamén o importante esforzo levado a cabo dende a organización para a retransmisión do campionato, co despregamento de máis de oito cámaras e un equipo de montaxe de primeiro nivel. “Na anterior edición houbo picos de conexión de máis de 6.000 persoas polo que o campionato vai estar aberto moito máis lonxe do que é a presencia limitada de público nas instalacións de Tui”, sinalaba o presidente da federación galega.

A organización asegurará o correcto cumprimento da normativa para a prevención de contaxios por covid-19 e ademais estableceranse grupos burbulla entre os diferentes equipos e xogadores. Todos os participantes realizaran, previo inicio da competición, unha proba PCR obrigatoria como medida adicional de seguridade.

O evento foi presentado hoxe no salón de plenos do Concello de Tui. A presentación contou coa presenza do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, a vereadora de Educación da Cámara Municipal de Valença, Elisabete Domingues, así como a do presidente da Federación Galega de Kung Fu, Carlos Alonso, o director do campionato, Eduardo Méndez, e o director do departamento de Kung Fu moderno da Federación Galega de Kung Fu, Aarón Blanco. Amáis tamén participaron, Julio Conde, campión do mundo de Kung Fu e Elena Cruces, actual campioa galega de Kung Fu.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, sinalaba na súa intervención que “esta proba da Eurocidade Tui-Valença, aínda que só se realizará no Concello de Tui, é de enorme valor e supón un recoñecemento que pon de manifesto o significado da Eurocidade e o traballo que se leva facendo en moitos ámbitos, especialmente no deportivo, unha das nosas sinais de identidade conxuntas”. Remataba dicindo que “os tudenses e valencianos nos congratulamos todos de ser a sede de moitos campionatos, de ter deportistas de recoñecido prestixio e de ter entre as dúas cidades un número de equipamentos deportivos importante”.

Participarán 325 deportistas VII Campionato Ibérico de Kung Fu