sábado. 11.01.2025

A tempada de pesca para o ano 2020 na Comunidade autónoma galega comezará o vindeiro 15 de marzo e rematará o 31 de xullo, con carácter xeral. Así se establece na Orde que recolle as normas de pesca nas augas continentais, que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia (DOG). Trátase da orde anual na que se definen as normas xerais de pesca das distintas especies ictícolas nas augas continentais de Galicia, de acordo co previsto no Regulamento de pesca fluvial de Galicia (Decreto 130/1997, do 14 de maio).

Tal e como se recolle na resolución publicada, o período hábil para a pesca do salmón irá dende o 1 de maio ata o 31 de xullo, pero poderá adiantarse o remate da temporada en función das cotas de captura. Nos tramos compartidos do río Eo a tempada rematará o 15 de xullo e nos coutos do río Ulla rematará o 30 de xuño.

A cota de captura está establecida nun exemplar por persoa e xornada, cunha dimensión mínima de 40 centímetros (45cm no caso dos coutos compartidos con Asturias). Este ano védase o couto de Monteporreiro no Lérez, e a cota anual no río Ulla establécese nos 40 exemplares. No río Mandeo os exemplares serán 5, 15 no río Masma, 8 no río Miño, e 10 no couto de Salmeán. No resto dos coutos autorizados no río Eo non se establece cota anual de captura.

En relación cos engados, poden ser naturais autorizados como as miñocas e quisquillas, ou artificiais que son construídos imitando animais ou outros obxectos que poden ser atractivos para os peixes que se queren capturar. Estes poden ser a mosca artificial, culleriña e peixes artificiais ou semellantes.

A PESCA DO REO

A tempada hábil en xeral comeza o 1 de maio e remata o 31 de xullo. A tempada prorrógase nas seguintes masas de auga:

- Coutos de Betanzos, Celeiro (lotes 2 e 3), Noia, Noval, Ombre, Padrón, A Ponte do Porto, Ribeiras, Segade, Traba, Viveiro (lotes 2 e 3), e Xuvia: a tempada rematará o 30 de setembro.
- Couto de Lambre: prorrógase ata o 15 de setembro.
- Nos coutos Ponte Arnelas, Pontevea, Santeles Sinde e Ximonde ata o 31 de agosto.

Sobre os engados, nos caso dos artificiais permítense os mesmos que no caso do salmón ao que se suma o risco. No que respecta aos engados naturais, permítense todos agás todo tipo de ovas de peixes e o peixe natural, e nas augas salmoneiras non se permiten os cebos naturais agás os autorizados para a pesca do salmón nos seus coutos.

CAPTURA DA TROITA

Para esta especie a tempada comezará o 15 de marzo e rematará o 31 de xullo. Nos coutos con convenio de colaboración, prolongarase ata o 30 de setembro na modalidade de pesca sen morte, e nas augas salmoneiras, nas de reo ou nas de montaña non empezará a tempada ata o 1 de maio.

Por norma xeral establécese a posibilidade de capturar 6 exemplares ao día e por persoa cunha talla mínima de 19 centímetros, e os engados son os mesmos que os da tempada pasada.

Para a tempada 2020 védanse en todas as masas de auga as seguintes especies: cangrexo de río, reñosa, espiñento, zamborca e anguía, e a pesca da saboga só se autoriza no tramo do río Ulla comprendido entre a presa de Couso e a desembocadura entre o 1 de maio e o 14 de xuño.

XORNADAS HÁBILES

Tal e como se recolle na normativa, con carácter xeral decláranse os luns como inhábiles para a pesca, agás festivos nacionais ou autonómicos. Os xoves serán hábiles unicamente para a modalidade de pesca sen morte en todas as masas de auga, excepto o 9 de abril (Xoves Santo), que será hábil segundo a modalidade de pesca autorizada en cada masa de auga.

En relación coas horas, só se poderá practicar a pesca no período comprendido entre unha hora antes da saída do sol e unha hora despois da posta. As horas serán as establecidas na páxina web de Meteogalicia.

A tempada de pesca fluvial galega de 2020 comeza o vindeiro 15 de marzo e rematará o 31...