As bolsas da Xunta de Galicia e a Comisión Fulbright para ampliar estudos artísticos en Estados Unidos abren o seu prazo de solicitudes ata o 10 de xaneiro.
Cinco mozos que teñan conexión con Galicia, por nacemento, residencia, formación en estudos superiores ou artísticos e traxectoria profesional poderán completar os seus estudos en institucións culturais do país norteamericano con estas bolsas que buscan fortalecer o sector cultural galego. Os interesados a optar a estas becas poderán solicitala a través da páxina web de Fulbright. En febreiro comunicarase a preselección e a resolución final lanzarase entre marzo e abril, para que os beneficiarios poidan desfrutar da súa estadía no estranxeiro entre agosto de 2024 e decembro de 2025.
Os artistas que queiran optar a esta beca deben ter a nacionalidade española, estar vinculados a Galicia e posuír o título superior de grao ou outro título expedido por unha institución recoñecida que acredite a formación nunha disciplina artística, entre outros requisitos. Os candidatos deberán dispoñer dunha carta de acceso, invitación ou admisión nun centro estadounidense e ter coñecementos de inglés.
O secretario xeral técnico, Manuel Vila, e o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, abordaron co director executivo da Comisión Fulbright España, Alberto López, os detalles desta convocatoria para a que se amplía a dotación económica ata os 275.930 euros.
PLAN XERACIÓN CULTURA
Galicia é comunidade pioneira, e a única, no establecemento deste tipo de programas de bolsas en colaboración coa Comisión Fulbright. Nos últimos 30 anos participaron no programa da Comisión Fulbright, un dos máis importantes instrumentos de diplomacia pública coñecidos, profesionais que supoñen un exemplo de excelencia académica, creativa e profesional. Nas tres primeiras convocatorias deste novo programa específico para Galicia participaron 16 bolseiros que estudaron en institucións de Massachusetts, Nova York ou California, por exemplo.
Estas becas son unha das numerosas iniciativas do Plan Xeración Cultura, a folla de ruta da Xunta que reforza ao sector cultural galego. Iniciativas como esta favorecen a formación dos novos talentos galegos e a internacionalización da cultura galega e todas as modalidades artísticas.
“Esta ampliación de colaboración, na que este ano se incrementa o investimento en máis de 85.000 euros, é unha moi boa nova para que os mozos poidan completar a súa formación artística en institucións moi prestixiosas de Estados Unidos”, asegura Manuel Vila, que anima á mocidade a sumarse a esta iniciativa. “Estas bolsas redundarán tanto na mellora da calidade dos traballos das persoas seleccionadas como na súa proxección a nivel galego, estatal e internacional”, engadiu.
UNHA ESTADÍA COMPLETA
A Xunta de Galicia achega ao acordo un importe de 165.000 euros, o que supón o 60% do total. Esta cantidade estará destinada a gastos de viaxe, manutención do bolseiro, gastos de proxecto, de matrícula e taxas obrigatorias que poidan existir, así como gastos de xestión. Pola súa parte, a Comisión Fulbright colaborará economicamente cunha aportación de 110.930 euros correspondente a gastos de cobertura médica e de accidentes dos bolseiros durante a súa estancia no estranxeiro, entre outros.
Así mesmo, será Fulbright a encargada de preparar e xestionar a convocatoria e o proceso de selección dos bolseiros. Farase cargo da xestión de visados, de ofrecer sesións de orientación en España e unha rede de apoio nos Estados Unidos. Ademais, os bolseiros poderán participar en seminarios culturais e científicos organizados pola Comisión e, unha vez rematada a súa estadía, formarán parte da rede de antigos alumnos Fulbright do U.S. Department of State.