O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe xunto co vicepresidente de Afundación, Xosé Carlos Caneiro, na inauguración en Afundación de Ourense, da exposición itinerante Retratos dun tempo da plástica galega, o proxecto da Xunta de Galicia e Afundación que, tras o seu paso por Vigo, chega á cidade das Burgas para render homenaxe a un centenar de artistas galegos. Trátase dunha iniciativa do fotógrafo Xulio Gil, comisariada por Xabier Limia, que se poderá visitar na sede da Praza Maior ata o 21 de xaneiro.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a calidade e importancia dos creadores de Ourense incluídos nesta exposición “que fixeron unha importante contribución á identidade cultural de Galicia”. “Esta realidade que hoxe coñecemos é froito do traballo de persoeiros aquí retratados como Laxeiro, Isaac Díaz Pardo, Chelo Rodríguez, Menchu Lamas, Francisco Leiro, Antón Patiño, Din Matamoro, Berta Cáccamo, Manuel Quintana Martelo, Ángeles Iglesias, Manolo Buciños ou Soledad Penalta”, sinalou Anxo M. Lorenzo.
Proxecto iniciado en 1988
A exposición inaugurada hoxe en Ourense tivo o seu berce no ano 1988 co gallo da exposición Antropolóxicas e continuado posteriormente coa colección Artistas Galegos dirixida por Antón Pulido. Desde entón foi sumando fotografías ata construír este proxecto expositivo, composto por un cento de imaxes de gran formato, acompañado dun catálogo editado pola Xunta de Galicia froito dunha colaboración entre o fotógrafo Xulio Gil e o comisario Xabier Limia, responsable dos textos e escolmas.