A obra de Tim Flach, un dos fotógrafos de animais máis recoñecidos a nivel global, que se pode ver por primeira vez en España da man da Obra Social de ABANCA, foi visitada xa por máis de 2000 persoas nas súas dúas primeiras semanas de exhibición . A mostra «Emocións en perigo» pode contemplarse no Teatro Afundación de Vigo ata o vindeiro 15 de abril.
A través dunha selección de 45 retratos de animais en perigo de extinción fotografados como nunca antes os viramos, Flach asegura que con este proxecto trata de «conectar as persoas coa natureza» cun obxectivo: romper as barreiras que parecen levantarse entre os seres humanos e a natureza a través destas escenas, fomentar a empatía cos retratados, salientar a emoción.
Tim Flach (Londres, 1956) quere promover a través da súa obra unha sociedade máis concienciada, formada e sensible coa necesidade de incorporar a sostibilidade a todos os aspectos da nosa vida. «O noso futuro depende diso», defende o fotógrafo.