domingo. 24.11.2024

O próximo martes, 3 de maio, ás 20 h, na zona anexa da Sala Municipal de Exposicións inaugurarase a exposición 'Lebres coma gacelas' promovida pola Deputación de Pontevedra. No acto inaugural haberá un recital poético a cargo de dúas voces da poética feminina de Galicia, Lorenza Conde e Miriam Ferradás, xunto a interpretación de varias pezas musicais a cargo de instrumentistas do Conservatorio Profesional de Música de Tui.

Xela Arias foi a autora conmemorada nas Letras Galegas 2021, muller inconformista e intempestiva que deixou un importantísimo legado poético referente para presentes e futuras xeracións. Tomando como inspiración a súa obra “Tigres coma cabalos” (1990), na que cada poema da escritora se confronta cunha imaxe do fotógrafo Xulio Gil, naceu este proxecto multidisciplinar que mestura palabra e imaxe, poesía e fotografía en perfecta simbiose.

'Lebres coma gacelas' establece unha analoxía con ese curioso título, pero escolle dous nomes de animais en feminino cunha clara declaración de intencións, reforzada ademais pola asociación simbólica que estes teñen coa intelixencia, coa axilidade e coa liberdade.

Esta mostra presenta poemas de autoras referentes na escrita galega, que crearon un diálogo ex professo para a fotografía contemporánea de dous artistas con estilos diferenciados, que retratan o corpo e o contorno cunha ollada poética fixa na realidade máis inmediata. As poetas participantes crearon as súas pezas para a mostra (tres cada unha) inspiradas polas imaxes de Eva Díez e Fran Herbello, que retratan o corpo e a contorna cunha ollada fixa na realidade máis inmediata. Temas como a arquitectura, especialmente relacionada coa paisaxe, están moi presentes nas distintas obras presentadas na mostra, así como a pegada do corpo humano na vivenda e nas citadas paisaxes. A mostra, comisariada e coordinada polo Servizo de Cultura da institución provincial, poderá visitarse ata o 11 de xuño.

Con estra exposición a concellería de Ensino e Cultura do Concello de Tui inicia o seu programa de actividades, que baixo a denominación de “Tui en letras”, comprende diversas actuacións ao longo dos meses de maio e xuño, centrándose especialmente na celebración do “Día das Letras Galegas” o vindeiro 17 de maio.

Lebres coma gacelas, palabras e imaxe, poesía e fotografía