viernes. 22.11.2024

Sabela e La M.O.D.A. chegan ao SonRías Baixas 2021 este venres, 6 de agosto, na cuarta xornada do festival, con todas as entradas esgotadas desde hai días para os seus directos no Recinto Multiusos da Estacada de Bueu, no Morrazo.  

Sabela Ramil | Venres 6 de agosto, 21.00h

O seu paso por unha academia televisiva e a reivindicación da lingua a revolucionou as redes sociais galegas no 2018, converténdoa nun exemplo para todo o país. Un ano despois, Sabela publica o seu primeiro álbum, Despedida, cuxa xira se apraza por mor da pandemia, e este 2021 debuta no cartel do SonRías Baixas, mais non sobre o seu escenario: xunto a La Pegatina entoou, na súa última visita, o éxito Mari Carmen.

La M.O.D.A. | Venres 6 de agosto, 22.30h

Hai dez anos que o panorama musical estatal conta cunha banda singular cuxos directos son inesquecibles. La M.O.D.A. (o acrónimo de La Maravillosa Orquesta del Alcohol) regresa este 2021 ao SonRías Baixas presentar o seu novo álbum, Ninguna ola, un disco autoeditado, inspirado no cambio e ateigado de vida e que produce musicalmente o recoñecido Raül Refree.

O cartel

Kase.O, Sés, La M.O.D.A., La Pegatina, Travis Birds, Muerdo, TéCanela, Sabela, ISEO & Dodosound, Ciudad Jara, Tu Otra Bonita e SonDaRúa conforman o cartel deste SonRías Baixas 2021, no que o festival se adapta ao contexto sociosanitario e se transforma nun ciclo de concertos, con dous directos por xornada ateigados do espírito SonRías

Entradas

O SonRías Baixas colgou o cartel de entradas esgotadas para os directos de La M.O.D.A e Sabela (venres 6) e Kase.O e SonDaRúa (sábado 7). Con todo, as e os entusiastas da música ao vivo terán o domingo 8 unha bóla extra, coas últimas entradas aínda dispoñibles para ser testigos dos novos espectáculos de dous vellos coñecidos do festival, Muerdo e La Pegatina. Precisamente, esta última é unha das bandas máis queridas polo público do SonRías, ademais dun dos grandes reclamos desta edición. 


Protocolo covid-19

O ciclo, que cumpre en todo momento a normativa sociosanitaria vixente en Galicia, conta cun protocolo covid-19 propio coordinado polo Servizo Galego de Saúde (Sergas), o  que garante a seguridade do público durante a súa celebración. O Recinto Multiusos da Estacada está dividido en sectores, con equipamentos independentes en cada zona, e con circuítos de percorridos sinalizados para facilitar o tránsito e garantir as distancias de seguridade. O recinto conta con tres zonas diferenciadas, en función do prezo e da distancia co Escenario Xacobeo 21-22; e cada unha delas está dividida, a súa vez, en sectores que contan con servizos independentes (aseos, barra, zona de recarga da pulseira cashless e punto de merchandising). Estes espazos teñen unha capacidade máxima de 500 persoas. 

Os accesos ao recinto están regulados e debidamente indicados. As persoas con entrada xa recibiron nos seus correos electrónicos as indicacións pertinentes sobre como acceder as súas localidades, horarios recomendados e outros consellos, información que tamén se pode consultar no sitio web www.sonriasbaixas.info. Todo o recinto conta con sinalización específica e o persoal da organización é o responsable de indicar ao público o camiño ata os seus respectivos sectores; momento no que lle ofrecen a posibilidade de obter, gratuitamente, as pulseiras cashless, o único sistema de pago válido no interior do recinto. Durante o ciclo de concertos, o público pode recargar o seu saldo desde os seus dispositivos móbiles, mediante uns innovadores tótems distribuídos ao longo do recinto; ou nos puntos de recarga das pulseiras. 

SONRÍAS BAIXAS 2021. AXENDA VENRES 6 DE AGOSTO
19.30 horas - Apertura de portas
21.00 horas - Sabela
22.30 horas - La M.O.D.A.

La M.O.D.A. e Sabela chegan ao SonRías Baixas