viernes. 22.11.2024

Este martes 22 de febreiro, o Concello de Tui continua coa celebración mensual do 'Foro do Camiño Portugués' coa presenza, nesta ocasión, de dous acreditados representantes do movemento asociativo xacobeo de Portugal e Galicia. Nesta nova sesión contarase coa presenza de José Luís Sanches, directivo da Associaçao de peregrinos “Vía Lusitana” e de Begoña Valdomar, vicepresidenta da Asociación Galega de Amigos do Camiño Portugués – Agacs.

Tanto José Luis Sanches como Begoña Valdomar posúen unha longa traxectoria de traballo a prol do Camiño de Santiago, especialmente dende as súas responsabilidades no movemento asociativo. Achéganse ata Tui para ofrecer a súa visión sobre a propia ruta xacobea e moi especialmente sobre as dinámicas existentes no Camiño Portugués de peregrinación a Santiago. Esta visión enriquece as diversas achegas ata agora realizadas neste Foro do Camiño Portugués abordado dende a óptica do turismo, da igrexa, dos peregrinos, etc.

Esta nova sesión do Foro do Camiño Portugués comezará ás 19 h. Poderase seguir presencialmente na Aula Cemit  (Edificio “Francisco Sánchez” – antiga Área Panorámica, rúa Colón,2 primeiro andar, entrada por portas 4 e 12) ou por streaming a través da páxina web do Concello de Tui: www.tui.gal. A asistencia é libre ata completar o aforo do local, sendo recomendable a inscrición previa -por rigoroso orde de chegada- a través do correo electrónico: [email protected].

Este Foro foi inaugurado o pasado 20 de abril de 2021 coa presenza de Juan Manuel López-Chaves, presidente de honra da Asociación Amigos de los Pazos de Vigo e impulsor do Camiño Portugués, a quen deu continuidade o 25 de maio Nava Castro, directora de Turismo de Galicia, o 22 de xuño  Luís Pedro Martíns, presidente de Turismo Porto e Norte, e o 22 de setembro  Luís Quinteiro, bispo da diocese de Tui-Vigo. No pasado mes de novembro foi o peregrino tudense, Dámaso Rodríguez Costas quen compartiu a súa experiencia polas rutas xacobeas ou no pasado mes de xaneiro, Victor Vázquez Portomeñe, exconselleiro da Xunta de Galicia.

Este Foro do Camiño Portugués, en palabras do alcalde de Tui Enrique Cabaleiro, súmase a outras medidas impulsadas dende o Concello a prol do Camiño ao entender que a ruta xacobea é un dos principais recursos patrimoniais e turísticos do noso concello: a creación da Mesa do Camiño, o impulso a actividades diversas, publicacións, a posta en marcha do perfil de Facebook “Camiño Portugués. Tui” con máis 4.600 amigos, etc.

José Luis Sanchez, de Vía Lusitana, e Begoña Valdomar, de Agacs, no Foro Do Camiño...