Afundación, a Obra Social de ABANCA, e Ámbito Cultural de El Corte Inglés
celebrarán mañá martes 17 de decembro, ás 12.30 h, no Café Moderno Afundación
de Pontevedra, o acto de entrega do XVI Premio Afundación de Xornalismo
Fernández del Riego, outorgado a Inma López Silva polo seu artigo «Terra rota»
publicado no diario La Voz de Galicia o 10 de abril de 2018. Acompañarán
á premiada o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet; o director de
Comunicación e Relacións Institucionais de El Corte Inglés en Galicia e
Asturias, Pati Blanco; o presidente do xurado, Alfredo Conde; e o secretario do
xurado, Carlos Valle.
O premio, ao que se presentaron 20 artigos publicados entre o 1 de
xaneiro e o 31 de decembro de 2018, está dotado con 6000 €. A galardoada súmase
deste xeito a unha nómina de premiados entre os que se atopan nomes do talle de
Santiago Lamas, Xosé Carlos Caneiro, Manuel Darriba, Manuel Bragado, Luís
Pousa, Tamara Montero, María Varela ou Santiago Jaureguízar.
Inma López Silva é escritora e crítica teatral. Naceu en Santiago
de Compostela no 1978. Na universidade da súa cidade natal licenciouse e
doutorou en Filoloxía. Diplomada en Estudos Teatrais pola Universidade da
Sorbona , actualmente combina a actividade literaria coa docencia na Escola
Superior de Arte Dramática de Galicia, onde ensina Teorías do Teatro e desde
onde desenvolve unha intensa actividade crítica que se materializa nas súas
publicacións en Tempos Novos, Revista Galega de Teatro, ADE
ou Grial. Columnista en La Voz de Galicia, é autora dunha ducia
de libros e destacada escritora de ficción.