O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou esta tarde na Sala de Cunchas o libro Estampas do Grove, de Paco Luna. O volume, editado por LúdicaLibros coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, forma parte do proxecto da dita editorial para recuperar das redes sociais artistas gráficos que aínda non teñen editada ou impresa a súa obra, apoiándoos para visibilizar a súa capacidade artística.
O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades quixo destacar desta iniciativa “a importancia de vincular a lingua e a paisaxe galegas, especialmente de lugares emblemáticos como é o mar do Grove”. “Ademais –sinalou– favorece a proxección exterior do galego, xa que esta publicación resulta moi atractiva para os numerosos turistas que visitan a zona todos os anos.”
Xunto coa presentación do libro, inaugurouse tamén unha exposición composta por 12 láminas en gran formato incluídas no volume, que poderá visitarse ata mediados de xaneiro.
Paco Luna é un apaixonado da fotografía e das paisaxes galegas, especialmente da zona da Lanzada, que inmortalizou coa súa cámara desde que chegou a Galicia fai xa 25 anos. En Estampas do Grove reúne 122 fotografías deste concello das Rías Baixas en formato de 17x24 centímetros, centradas fundamentalmente nas praias e paisaxes da localidade, aínda que tamén recompila imaxes doutros lugares da comarca como o barrio de Virxe das Mareas, Rons ou a Illa de A Toxa, entre outros.
Colaborador cotián de varias publicacións, non é esta a primeira vez que os veciños do Grove gozan da súa arte, tanto en galerías como nas propias rúas, onde as súas fotos plasmadas en lonas estiveron penduradas nos balcóns da vila como parte de distintos proxectos culturais. Ademais, nas súas exposicións son frecuentes os retratos dos veciños e veciñas do concello protagonizando escenas cotiás, como é o caso das mariscadoras, que neste libro poden atopar o seu propio apartado especial.