viernes. 22.11.2024

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe a oitava edición de Escenas do cambio —o festival de teatro, danza e arte en acción organizado pola Xunta de Galicia a través da Cidade da Cultura—, que este ano presentará en Galicia un total de 14 pezas que transitan a vangarda do teatro, a música, a danza, as artes visuais e a performance. Esta edición concentra en catro días, do 5 ao 8 de maio, unha programación que aposta forte pola creación, con oito obras orixinais que se poderán ver por primeira vez no festival.

Entre as estreas, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade salientou as cinco novas propostas de artistas e compañías galegas que contaron co apoio do Goberno galego para o seu desenvolvemento: Hoax Hamlet, de Voadora, a peza colectiva Escenas (Con)Textualizadas construída coas voces das artistas, actrices e dramaturgas Helena Varela, Helen Bertels, Ana Vallés, Ana Abad de Larriva e Gena Baamonde; e as tres obras froito das residencias artísticas realizadas no Gaiás por Mateo Feijóo, Mercé de Rande e Ramón Souto. Deste xeito, Escenas do cambio contribúe a consolidar o Gaiás como un piar para a creación contemporánea, en liña cos obxectivos do segundo Plan Estratéxico da Cidade da Cultura.

O secretario xeral de Cultura estivo acompañado na presentación do programa pola directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; pola directora artística de Escenas do cambio, Lola Correa e por Helen Bertels, Hugo Torres —director de Hoax Hamlet— e Mateo Feijóo, en representación dos artistas participantes nesta edición do festival.

O Gaiás inspira a creación escénica

A Cidade da Cultura transfórmase con Escenas do cambio non só no escenario idóneo para a representación das últimas tendencias nas artes escénicas, senón tamén en lugar de inspiración, recollemento e investigación para novas propostas de vangarda. Así, canda as pezas galegas que terán a súa estrea no festival, o público poderá gozar tamén de dúas obras creadas de maneira específica para a súa representación no Gaiás. Trátase de OUTsideINsideOUTside, última creación nas fronteiras do teatro e a danza que dirixe a afamada actriz e dramaturga española Sara Molina, e a performance (Raíz de dos) coa que os artistas Nieves Correa e Abel Loureda percorrerán diferentes espazos do Gaiás.

Ademais, Marc Caellas e Esteban Feune de Colombi convidarán ao público a compartir unha viaxe moi especial desde a Cidade da Cultura ata Fisterra, froito tamén do seu inspirador paso pola anterior edición do festival. ¿Qué es el agua? é título desta nova proposta de teatro itinerante da Compañía La Soledad, fundada por ambos artistas en 2011.

NOVAS EXPERIENCIAS

A directora artística do festival, Lola Correa, avanzou as principais novidades dunha escolma que explora novos lugares e formatos para o encontro entre artistas e público. Atoparemos nesta edición escenarios non convencionais, como a galería de servizos do Gaiás, onde Teatro La Usina representará Waterclose, revisión e actualización do primeiro espectáculo da compañía —Women Closed—, no 20 aniversario da súa estrea, ou tamén os espazos de tránsito e traballo no interior do Museo sobre os que se construirá o percorrido de Escenas (Con)Textualizadas.

Por outro lado, NIHIL, do músico e compositor galego Ramón Souto, propón aos espectadores participar nun concerto na rompente do día desde a cima do Gaiás, e Mateo Feijóo, con Sons do esquecemento ou A navalla do tempo, convídaos a transitar pola memoria, os sons e as imaxes dun pobo do rural galego que representa todo un legado de valores e saberes en perigo de extinción.

Novas experiencias para a audiencia que se completan coa performance MU-Danza, unha muller que camiña, de Mercé de Rande; o ensaio-monólogo mestura de teatro e maxia do galego Miguel Ponce de León en Veneficio (de lo cotidiano o cómo remediarlo), e a Hammamturgia de Societat Doctor Alonso, unha obra coreográfica que se constrúe a partir da transformación constante do espazo, do ambiente e do tempo.

No apartado internacional, o festival contará con dous referentes da danza contemporánea chegados de Francia e Portugal. A compañía Man Drake, fundada por Tomeo Vergés, porá en escena dous solos —Que dun bonheur (?) e Moi, Antonio M.— que exploran e cuestionan os contornos do masculino e do feminino. Pola súa banda, a bailarina e coreógrafa portuguesa Tânia Carvalho constrúe en Grasped by Intuition unha peza na que o corpo flúe entre o figurativo e a abstracción lírica.

MARIA CASARES

Escenas do cambio comezará este ano cun recoñecemento especial a María Casares, figura imprescindible do teatro do século XX da que ademais este 2022 se conmemora o centenario do seu nacemento cunha ampla programación impulsada pola Xunta. A xornada inaugural do festival estará dedicada á actriz galega, coa apertura da mostra María Casares – Pedro Soler. Colliure 1989 que exhibirá no Museo Centro Gaiás obxectos e pezas inéditas dunha das últimas xiras da actriz por Francia, na que estivo acompañada polo guitarrista de flamenco Pedro Soler.

O propio Soler ofrecerá un breve recital nun encontro posterior no que compartirá os seus recordos ao redor de María Casares co recoñecido director de teatro Lluís Pascual, que tivo o privilexio de asistir como espectador a varias representacións da intérprete galega, e con Anne Plantagenet, autora da biografía da actriz baseada na correspondencia amorosa que intercambiou con Albert Camus.

COLABORACIÓNS

Ao igual que en todas as súas edicións, Escenas do cambio 2022 conta con entidades colaboradoras galegas como o Concello de Santiago, a Universidade de Santiago de Compostela, a librería Follas Novas e o Concello de Fisterra, dentro da liña de estender a súa programación máis aló do Gaiás. Ademais, de fóra de Galicia colaboran o INAEM, o Institut Français e o Instituto Camões.

Toda a información da programación de Escenas do Cambio 2022 está na páxina da Cidade da Cultura de Galicia e tamén na do festival —www.escenasdocambio.org—. As entradas para cada espectáculo poden adquirirse xa no Museo Centro Gaiás e en Ataquilla.com. Tamén están dispoñible un abono para asistir a toda a programación do festival.

‘Escenas do cambio’