sábado. 21.12.2024

O trimestre invernal do ciclo Poesta Di(n)versos comezará -sen que as citas mensuais se interrompan entre outubro e xuño de cada ano- o vindeiro luns 13 de xaneiro.

A coidada programación

poética patrocinada pola Concellería de Educación e Cultura da Coruña e

comandada pola súa creadora dende hai once anos –a tamén poeta e xestora

cultural Yolanda Castaño– recibirá por vez primeira un poeta luxemburgués.

O francófono Jean Portante lerá os seus poemas en lingua orixinal, seguidos das

traducións para o galego que preparará para a ocasión a poeta

compostelano-coruñesa, ao carón do recital do lugués Luís Valle. Unha

estética refinada e sentimental, xunto a un depurado oficio como

versificadores, son comúns a estes dous nacidos en 1950 e 1977.

Se Jean Portante é

autor de corenta libros entre poemas,

relatos, obras teatrais, ensaios e novelas, e tradutor duns trinta títulos da

literatura universal, Luís Valle publicou outras tres decenas de obras

de distinta natureza. Ambos se encontran ademais de actualidade literaria

polas saídas, aínda recentes, dos seus poemarios Óstraka (Galaxia) e La

reinvención de la sombra (La Garúa), primeira obra publicada polo

luxemburgués en España, a pesar de contar xa con volumes traducidos ao castelán

editados en México,

Colombia, Arxentina, Cuba, Perú ou Bolivia. Escritor

moi recoñecido no mundo francófono e traducido a multitude de linguas,

polo conxunto da súa obra recibiu o Premio Petrarca en París, o Gran Premio da

Sociedade de Escritores e o Premio Nacional de Luxemburgo.

Pola súa banda, Luís Valle é

un poeta en absoluto ascenso que, tras dúas décadas afianzando unha coidada poética,

se consolida en Galicia coma un dos mellor considerados dos últimos anos.

Desempéñase profesionalmente na xestión cultural e a comunicación e obtivo galardóns

coma o Lueiro Rey, o Eusebio Lorenzo Baleirón ou o Premio Afundación polos nove

poemarios que publicou até o de agora.

Con este novo evento continúa

así, no auditorio do Centro Ágora, a programación que reúne a mellor literatura

en verso de Galicia e do resto do mundo; sempre en luns, ás 20:30h,

durante unha hora e con acceso aberto e gratuíto. Ademais, cada

mes unha libraría de proximidade ofrece á venda os exemplares dos

convidados cunha sinatura do seu puño e letra.

O

decimoprimeiro ano consecutivo destas citas poéticas mensuais continuará de

xeito ininterrompido até o vindeiro xuño, constituíndo a única cita

periódica con poetas internacionais (ademais de locais) en todo o Estado.

No ano 2014, POETAS DI(N)VERSOS foi Premio da Crítica de Galicia á Mellor

Iniciativa Cultural.

Dous autores cun finísimo oficio visitan Poetas Di(n)versos dende Lugo e, por vez...