A zona anexa da Sala de Exposicións Municipal, no edificio Francisco Sánchez – Área Panorámica, acolle dende esta semana exposición 'Diálogos'. A mostra foi preparada en setembro de 2021 pola Biblioteca Nacional de Israel para a Xornada Europea da Cultura Xudía. Esta mostra chega ata a nosa cidade a través da Red de Juderías de España – Caminos de Sefarad á que pertence o concello de Tui dende o ano 2019.
Esta exposición reflexiona e explica diferentes tipos de diálogos desde a perspectiva da cultura xudía, documentados a través de diferentes fotografías e cadros de textos. Así a mostra fai un percorrido polo Diálogo entre xeracións, dos pais ou avós aos seus fillos, coma eixo na educación, Diálogo entre textos, a miúdo entendemos un "diálogo" como unha conversación entre persoas, con todo, na historia xudía, son máis importantes as "conversacións" entre textos. Tamén recolle o Diálogo dentro da Comunidade, incorporando a perspectiva da argumentación como eixo da tradición xudía, o Diálogo entre Culturas ou o Diálogo entre relixións como integración indispensable dos xudeus ao longo dos séculos en que viviron entre outras culturas e grupos de persoas. A exposición ademais das fotografías e explicacións achega en cada bloque diferentes códigos QR que profundan sobre o tema.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, sinala que con esta nova actividade o concello tudense continua traballando na promoción do legado xudeu na nosa cidade como un elemento primordial do noso patrimonio cultural e do posicionamento da oferta turística da nosa cidade.