domingo. 24.11.2024

Curtocircuíto inaugura este sábado en Santiago de Compostela a súa 19ª edición, cun programa que inclúe unha mostra das fitas restauradas de Eugenio Granell, unha escolma de realizadores galegos na sección Planeta GZ e un encontro virtual co cineasta Todd Solondz. O certame, que se celebra até o 9 de outubro, volve co apoio da Xunta a través da convocatoria de axudas a festivais audiovisuais, que este ano destina 210.000 euros a cofinanciar 11 mostras.

Curtocircuíto conta co apoio da Xunta para unha 19ª edición na que amosará os filmes restaurados de Eugenio Granell e unha decena de fitas galegas

O director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación de Curtocircuíto 2022 xunto o director do festival, Pela del Álamo, e os representantes doutras entidades colaboradoras. Na súa intervención, Sutil puxo en valor tanto a variedade como a calidade da carteleira, ademais de destacar o seu programa de actividades paralelas.

Engadiu, así mesmo, que a colaboración da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades con esta mostra inclúe, ademais da xa citada subvención, a cesión de espazos como o CGAC e o Museo de Peregrinacións como sedes do festival xunto ao Teatro Principal, a sala Numax ou o Auditorio Abanca.

SURREALISMO E CINEMA

Un dos pratos fortes desta 19ª edición será a sesión dedicada ás fitas do pintor surrealista Eugenio Granell. O Teatro Principal acollerá ás 19,00 h. deste domingo o pase das pezas rodadas polo pintor no seu exilio en Nova York. Entre estes pequenos filmes, atópanse títulos como TromposMiddleburyPelícula hecha en casa con pelota y muñeca e Casa.

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades subvenciona o certame compostelá a través da convocatoria de axudas a mostras audiovisuais, que en 2022 distribuíu 210.000 euros entre 11 citas de toda Galicia

A preservación destas obras é froito dunha investigación impulsada pola Elías Querejeta Zine Eskola en colaboración coa Fundación Eugenio Granell e coa Filmoteca de Galicia. Precisamente, a sede coruñesa da cinemateca da Xunta acollerá este venres ás 19,00 h. a estrea en Galicia destes filmes restaurados como parte da programación coa que está a celebrar a reapertura da súa Sala José Sellier tras o seu reacondicionamento.

 A sección ‘Planeta GZ’ volverá dar conta do cinema emerxente galego con traballos de realizadores como Ángel Santos, Diana Toucedo, Nerea Barros, Eloy Domingo Serén, Alberte Pagán ou Jaione Camborda

En referencia ás seccións habituais de Curtocircuíto, Sutil subliñou os traballos que se exhibirán este ano no apartado Planeta GZ para ofrecer unha escolma heteroxénea da realidade máis emerxente e rompedora do cinema galego. Desta volta, son 10 as fitas seleccionadas: Amarillo atlántico, de Carla Andrade; Memory, de Nerea Barros; Videogramas #4, de Jaione Camborda; The Liquid Crystal Display System and the Subversive Pixels, de Álvaro Chior; Rompente, de Eloy Domínguez Serén; Proxecto X, de Sol Mussa; Elefante, de Alberte Pagán; Una ventanita, de Carlos Fernández López; Así vendrá la noche, de Ángel Santos, e Tatuado nos ollos levamos o pouso, de Diana Toucedo.

CINEMA INDEPENDENTE

O sábado 8 de outubro, o gran protagonista será o director e guionista estadounidense Todd Solondz. Emblema do cinema independente, este cineasta filmou películas tan coñecidas como Palíndromos ou Hapiness. O público que se reúna no CGAC a partir das 16,00 h. terá a ocasión de compartir unha proxección coas súas referencias fílmicas e un encontro virtual co realizador.

Todd Solondz protagonizará unha sesión especial dentro desta programación, que inclúe debates, un laboratorio de proxectos, concertos ou un comisariado de danza con Richard Mascherin

Curtocircuíto completa a súa actividade cun rico programa de actividades paralelas. Entre as múltiples propostas, destacan o laboratorio de desenvolvemento de proxectos audiovisuais organizado da man de da Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización CREA, debates, concertos, o comisariado interdisciplinar do bailarín Richard Mascherin ou os apartados Criaturas e Teenage Riot, con pases para o público infantil e xuvenil organizados en colaboración con centros de ensino.

Curtocircuíto
Comentarios