sábado. 21.12.2024

A Igrexa de Santiago en Arzúa (13 h) e a parroquial de San Miguel en Monterroso (21 h) o sábado, e o albergue do Mosteiro da Magdalena en Sarria (20 h) este domingo, serán os tres primeiros escenarios do ciclo.

Resoando no Camiño Francés é un proxecto de Abraham Cupeiro, unha viaxe pola historia a través da música en seis enclaves do patrimonio galego.

O músico sarriao, que recupera instrumentos perdidos no tempo, como o karnyx ou a corna, para crear novas sonoridades, actuará acompañado de artistas como Margarida Mariño (violonchelo), Sabela Caamaño (acordeón), Antía Ameixeiras (violín), Antonio Romero Cienfuegos (contrabaixo) e Nikolay Velikov (violín).

No ciclo, que busca dinamizar a ruta francesa en pleno bienio Xacobeo 21-22 e poñer en valor a música e o patrimonio, participan seis concellos da Mancomunidade de Municipios do Camiño Francés. Despois de Sarria, hai outros tres concertos programados en Melide, Triacastela e Palas de Rei, respectivamente.

Para a reserva de entradas é preciso chamar ao teléfono de cada un dos concellos:

  • Concello de Arzua: 981 50 00 00
  • Concello de Monterroso: 982 37 70 01

Concello de Sarria: 982 53 50 00

A través dun repertorio de composicións e recreacións musicais incluídas en obras do artista coma PANGEA ou Os sons esquecidos, Abraham Cupeiro fará resoar esta fin de semana as pedras da Igrexa de Santiago de Arzúa, a parroquial de San Miguel de Monterroso e o albergue de peregrinos do Mosteiro da Magdalena de Sarria, tres localizacións de interese histórica e espiritual sitas ao pé da ruta a Compostela.  

Ademais de música, cada un dos enclaves patrimoniais seleccionados para a actuación contará cun proxecto de iluminación singular, co fin de potenciar a experiencia e reforzar a posta en valor do patrimonio.  

Abraham Cupeiro recupera e (re)constrúe diversos instrumentos, mesturando os sons con formacións modernas. Como instrumentista, destaca por ser unha das poucas persoas que toca o Karnix, unha trompeta celta da Idade de Ferro. En 2014 foi convidado a probar o de Tintignac – aldea preto de Naves, na rexión francesa de Corrèze–, que é o único karnix que apareceu enteiro até o de agora.   É ademais impulsor dun instrumento ancestral na tradición galega: a corna, extinta xa na segunda metade do século XX. A que toca Abraham Cupeiro foi atopada por Carlos Tallón na inmensidade do bosque.  

De formación clásica –estudou trompeta e realizou un máster en Interpretación da Música Antiga na UAB–, Abraham Cupeiro sempre sentiu atracción por todo tipo de músicas o que o levou a tomar parte desde ben novo en distintas formacións de folk, jazz, música antiga...   As fusións co contemporáneo, están presentes no seu traballo Compromiscuo co acordeonista Bielorruso Vadzim Yukhnevich, así como en obras escritas ex profeso para el, como o Concerto Misterio de Wladimir Rosinsky xunto á Orquestra Sinfónica de Galicia. Ademais, Cupeiro gravou tamén coa Filarmonía de Galicia o proxecto Os Sons Esquecidos, que saíu á luz en 2017 baixo o selo Warner Music. Un ano despois estreaba novo proxecto, PANGEA, gravado en novembro de 2019 coa Royal Philharmonic de Londres nos estudos Abbey Road. 

Concertos de Abraham Cupeiro en Arzúa, Monterroso e Sarria