jueves. 21.11.2024

O festival Sinsal SON Estrella Galicia 2022 avanza novidades da súa programación mais sen desvelar un dos mellores secretos gardados do verán: o seu cartel, que o público só coñece ao desembarcar na illa de San Simón. O evento, un dos encontros sonoros máis coidados e singulares do panorama musical estatal, celebrarase na fin de semana do 22 ao 24 de xullo na illa redondelá.

En paralelo á programación musical, Sinsal SON Estrella Galicia contará cunha chea de actividades para o público asistente. Ademais das anunciadas iniciativas en pedal surf, os microconcertos de Santo Antón ou os obradoiros familiares de reciclaxe, durante o festival poderanse visitar dúas exposicións, nomeadas ’A escola Sinsal: 20 ideas para presumir de vintage’ e ‘Por que as túas fillas escoitan trap?’, que contarán con visitas guiadas e parladoiros. Por último, celebraranse paseos pola illa co artista Xosé Lois Gutiérrez Faílde e con Amarturmar, a asociación cultural de mulleres e homes do mar de Cesantes.

EXPOSICIÓNS

O público terá a ocasión de visitar, durante a súa estancia en San Simón, dúas exposicións na cafetería da illa. A primeira delas é ‘A Escola Sinsal: 20 ideas para presumir de vintage’, que recolle o proxecto pioneiro e de divulgación sobre o rexistro sonoro da música posto en marcha por Sinsalaudio e que estivo vixente entre os anos 2008 e 2014. A exhibición percorre a historia do rexistro sonoro do suco de gravación a través de máis de cincuenta obxectos, agrupados en vinte ideas ou conceptos, da colección de Sinsalaudio. Na súa meirande parte son reprodutores e soportes de diferentes épocas e países, pero todos eles teñen no suco mecánico o principio físico común. A mostra estará aberta permanentemente ao público, mais todos os días do festival, de 18.30 a 19.00 horas, o comisario e co-director do festival, Julio Gómez, fará unha visita guiada. Para participar nesta actividade, recoméndase facer inscrición previa a través do email [email protected] co asunto “Visita guiada A Escola Sinsal” 

A outra exhibición que terá lugar no mesmo recinto é Por que as túas fillas escoitan trap?, unha aproximación á historia da tecnoloxía musical. A mostra parte dunha premisa: a chegada da electricidade cambiou tanto a composición como o son da música popular e clásica. A través de sintetizadores, caixas de ritmos, samplers ou efectos que marcaron diferentes etapas e estilos musicais -desde o Theremon até o Autotune-, dando ademais pé á creación de conflitos interexeracionais, expoñerase como o acceso a esta tecnoloxía permitiu que, dun xeito máis independiente ou mesmo accesible, numerosas artistas -sen posibilidade económica ou formación suficiente- tivesen capacidade para compoñer e crear novos estilos musicais.

Ao fío, o sábado 23 de xullo, entre as 19.00 e as 20.00 horas, celebrarase un encontro con Mateo Mena. O artista realizará unha introdución aos diferentes procesos de construción de instrumentos musicais electrónicos a través de deseños propios, nos cales combina técnicas e recursos dos campos da ciencia, a arte ou a artesanía, ilustrando a súa particular visión da “luthería electrónica”. Durante a charla poderán escoitarse algúns destes instrumentos. Para poder asistir ao parladoiro, recoméndase realizar previamente a inscrición a través do email [email protected] co asunto ‘Encontro con Mateo Mena’.

Ao día seguinte, o domingo 24 de xullo, no mesmo horario, haberá unha demostración práctica do Theremin con Paulo Pascual. O músico vigués amosará o funcionamento deste instrumento e as súas técnicas para xerar sons ou interpretar melodías. Para asistir á sesión, na que as e os participantes poderán experimentar e descubrir os seus segredos, é necesario realizar inscrición previa a través do correo electrónico [email protected] co asunto ‘Theremin con Paulo Pascual’.

En todos os casos a praza deberase confirmar ao desembarcar na illa, no punto de Administración de San Simón, para garantir a asistencia. De non ser así, as persoas que estean na lista de agarda obtarán ás prazas libres.

PASEOS GUIADOS 

Na tarde do sábado 23, ás 16.00 horas, terá lugar un paseo por San Simón co artista, investigador e docente Xosé Lois Gutiérrez Faílde, que presentará ‘Islario Marabilloso’. A través do camiñar e da contemplación, as e os participantes neste roteiro tecerán, en común, un imaxinario particular fiando os relatos e as memorias que compoñen a idea do lugar coa intención de manter a fascinación, e tamén o conflito, na relación co territorio.

O domingo 24, ás 16.00 horas, celebrarase un segundo paseo, nesta ocasión da man de Amarturmar, a asociación cultural de mulleres e homes do mar de Cesantes. Con este roteiro, Sinsalaudio propón botar unha mirada á enseada de San Simón desde a experiencia cotiá das mariscadoras e pescadores da parroquia de Cesantes (Redondela). O paseo favorecerá que o público coñeza a diversidade mariñeira do lugar, mais tamén a súa actividade económica, o papel da economía circular e, sobre todo, como o cambio climático está a transformar os recursos naturais da zona.

Para poder participar nestes paseos Sinsalaudio recomenda facer unha inscrición previa a través do email [email protected], co asunto “Paseo Islario Marabilloso” (sábado 23) ou “Paseo con Amarturmar” (domingo 24), mais a praza deberase confirmar, definitivamente, no punto de Administración da illa de San Simón; de xeito que as persoas interesadas en participar e que estean en lista de agarda poidan optar á praza se finalmente a reserva non se confirma.

ENTRADAS SANTO ANTÓN ACÚSTICO

Entre as actividades paralelas que se celebrarán atópanse os microconcertos en acústico para público reducido, nomeados ‘Santo Antón Acústico’, no que participarán dúas agrupacións galegas de música clásica, o que incide na diversidade estilística que forma parte da filosofía do festival impulsado por Sinsalaudio. Os concertos (cada xornada cunha formación distinta) terán lugar nas tardes do sábado 23 e do domingo 24 na illa de Santo Antón. Por mor da capacidade limitada destas actuacións, só accesibles para quen xa posúe abono ou entrada de día ao festival, Sinsal abre, a través da plataforma Enterticket, a venda de billetes para estes pases (2 euros cada un), coa intención de favorecer as persoas con interese na actividade poidan garantir a súa asistencia. Aquelas que prefiran mercar as súas entradas ao desembarcar poderán facelo no posto de Administración sempre que queden billetes dispoñibles.

Chega o festival Sinsal na Illa de San Simón
Comentarios