viernes. 22.11.2024

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá xunto co presidente da Deputación Provincial de Ourense, Xosé Manuel Baltar, na presentación do libro Chano Piñeiro ou a teima dun soño (1954-1995), de Francisco Rozados Rochi. O acto desenvolveuse na sala de prensa da Deputación e a el acudiron tamén o autor e mais a viúva do cineasta Chano Piñeiro, María Luz Montes.

O representante da Xunta de Galicia lembrou “o papel sobranceiro de Chano Piñeiro no nacemento do cinema galego e en galego, un papel que este libro contribúe con acerto a divulgar para que as novas xeracións sigan tendo nel un referente e continúen creando no idioma propio de Galicia”.

O volume Chano Piñeiro ou a teima dun soño (1954-1995), de Francisco Rozados Rochi edítase no marco do Festival de cinema OUFF que promoven a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a Deputación de Ourense e a Fundación Carlos Velo. Baixo o selo de Edicións Fervenza, este traballo sae á luz no 25 aniversario do falecemento do creador de filmes tan relevantes como Mamasunción ou Sempre Xonxa. Está encabezado por un prólogo de Miguel Anxo Fernández e ocúpase tanto da biografía de Chano Piñeiro como da filmografía e da bibliografía producidas polo propio cineasta e acerca del. O libro complétase cunhas Memorabilia que recollen imaxes de obxectos significativos na traxectoria do autor, unha cronoloxía e un índice de citas.

CHANO

Luciano Manuel Piñeiro Martínez (Forcarei, 1954 – Vigo, 1995) foi director de cine e principal impulsor do cinema en galego nos anos 70 e 80 do pasado século. Autor de curtas como Mamasunción ou Os paxaros morren no aire, polas que recibiu numerosos premios, é tamén o creador de Sempre Xonxa, a primeira longametraxe totalmente en galego e integramente rodada en Galicia, xunto con Continental, de Xaveir Villaverde, e Urxa, de Carlos Piñeiro e Alfredo García Pinal. No ano 1993 obtivo o Premio San Martiño de Normalización Lingüística do Concello da Estrada e en 1995 recibiu, a título póstumo, a Medalla de Prata de Galicia.

FRANCISCO ROZADOS ‘ROCHI’

O autor do libro presentado hoxe, Francisco Rozados Rochi, é Licenciado en Historia Contemporánea e autor de diversos traballos de divulgación sobre Forcarei e a Terra de Montes. Ademais, foi amigo de Chano Piñeiro desde a súa infancia en Forcarei ata a morte do cineasta. Colaborador de distintos xornais, é tamén autor de novelas e codirixiu o documental Mamasunción volve ó correo. Foi galardoado con premios como o Camilo José Cela de Narrativa, o Reimóndez Portela e xornalismo, o Concello de Marín e o Ánxel Fole de Narración Curta ou o Xoán de Cangas de Novela Curta.

'Chano Piñeiro ou a teima dun soño', homenaxe a un dos pioneiros do cine en galego