miércoles. 05.02.2025

O Ateneo de Santiago, en colaboración coa Asociación Federalista de Galicia, organiza este xoves, día 6, ás 19:30h, unha nova sesión do Seminario Europa. O evento terá lugar no Salón de Actos Isaac Díaz Pardo (Praza de Salvador Parga, 4-2º).

Nesta ocasión, a charla, que leva por título "Trump versus Von der Leyen: migracións e política", contará coa participación de Daniel González Palau, director do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI). A presentación correrá a cargo de Cristina Ares Castro-Conde, profesora de Política da Unión Europea na USC.

O relatorio abordará os modelos contrapostos das políticas migratorias lideradas polos Estados Unidos e a Unión Europea. González Palau analizará os efectos destes enfoques nas relacións internacionais, o impacto no contexto galego e os retos aos que se enfronta Europa na xestión migratoria. A conferencia tamén explorará a Axenda 2030 e o papel das administracións públicas na integración e regulación dos fluxos migratorios.

Daniel González Palau dirixe o IGADI desde 2017 e conta cunha dilatada experiencia en cooperación internacional e análise política. Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola USC, é mestre en Cooperación Internacional e Xestión Cultural. Foi Secretario do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade entre 2011 e 2015. Editor do IGADI Annual Report desde 2018, é autor de diversas publicacións sobre gobernanza global e acción exterior de Galicia. Desde 2022, dirixe o curso "A Axenda 2030 e a súa implementación nas Administracións Públicas" na Escola Galega de Administración Pública (EGAP).

O Ateneo de Santiago acolle unha charla sobre migracións e política con Daniel González...
Comentarios