viernes. 22.11.2024

A instancias do Bispado de Lugo, a Xunta iniciará os trámites para promover a declaración de Ben de Interese Cultural da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, tendo en conta que se trata dunha tradición cunha acreditada historicidade que salienta a función do patrimonio cultural inmaterial na sociedade como elemento de carácter identitario para o conxunto da Comunidade. Así o anunciou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, despois de reunirse co bispo de Lugo, Mons. Alfonso Carrasco, acompañado polo delegado da Xunta, José Manuel Balseiro.

Anualmente, o domingo seguinte ao Corpus Christi ten lugar en Lugo un acto institucional e relixioso no que participan os mandatarios das antigas capitais do Reino de Galicia: A Coruña, Lugo, Ourense, Santiago de Compostela, Mondoñedo, Betanzos e Tui. Trátase da ofrenda ao Santísimo e a súa posterior procesión pola cidade, coa que aqueles cumpren co voto solemne que fixeron en 1669, ante as dificultades económicas da Catedral de Lugo, de dotala dunha renda anual coa que iluminar o Altar Maior.

Desde 1925 até os nosos días o rito da Ofrenda celébrase do mesmo xeito, nunha misa solemne na que participan por quendas rotatorias anuais os representantes municipais das sete cidades. Ademais, entre as tradicións litúrxicas, unha banda de gaiteiros interpreta a Marcha Solemne do Antigo Reino de Galicia con gaitas en tres tonalidades e percusión.

Trátase dunha tradición ligada á Catedral de Lugo, un ben incluído singularmente na declaración dos Camiños de Santiago do Norte de España, Patrimonio da Humanidade desde o ano 2015 polos seus extraordinarios valores artísticos, históricos e culturais, que mantén o privilexio papal da exhibición permanente do Santísimo Sacramento.

A Xunta promoverá a declaración de Ben de Interese Cultural da Ofrenda do Antigo Reino...