O poeta e narrador Antonio García Teijeiro, un dos máximos representantes da Literatura Infantil e Xuvenil galega dos últimos anos, categoría na que recentemente foi recoñecido co Premio Nacional, estará o próximo venres, día 10 de xaneiro, no ciclo literario 'Venres D_letras', organizado pola Concellería de Cultura ponteareán.
García Teijeiro achegarase a Ponteareas para
presentarnos unha antolóxica da súa obra para adultos: “Pasando as follas do
tempo (Antoloxía poética 1987-2017)”, editada por Belagua. Trátase dunha
escolma da que, con toda probabilidade, é a súa faciana menos coñecida: a súa
poesía para adultos, agochada tras do enorme éxito dos seus traballos para a
mocidade. Esta escolma abrangue dende os anos 80 ata a actualidade e representa
un paseo polo interior do home.
Son poemas profundos e ben deliñados nos que o
autor amosa a súa alma espida e mailas cicatrices que a vida deixou nela,
exhibindo o desacougo dun home sensible e desconcertado pola deriva dunha
sociedade que manca. Ao mesmo tempo, achegámonos á evolución do seu propio
pensamento así como da súa poética, cada vez máis minimalista e profunda, máis
diáfana e concisa.
A poesía de García Teijeiro achégase máis ao
concepto de sinceridade que ao de tristura, pois desborda autenticidade. Son
versos nos que, a cotío, se albisca unha luz de esperanza, unha raiola de sol
no medio da tormenta de sensacións que provoca a lectura.
Son versos reflexivos e pasionais que florean
segundo se van facendo carne dentro de nós.
Antonio García Teijeiro, profesor, escritor e
crítico, é un dos grandes poetas e narradores da literatura infantil e xuvenil
galega, cunha extensa obra iniciada en 1988 e que supera na actualidade os 50
títulos. Conta no seu poder con premios tan relevantes como o Merlín, o premio
europeo Pier Paolo Vergerio ou o Premio Nacional de Literatura Infantil e
Xuvenil de España. A súa obra figura, entre outras, na prestixiosa Lista de
Honra do IBBY.