viernes. 22.11.2024

A Xunta de Galicia, en colaboración coa Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT) continúan co desenvolvemento da sexta edición do premio literario Nortear, que modificou as súas bases en canto á presentación do material para adaptarse ás limitación impostas polo coronavirus.

Así, o xurado está a avaliar as 28 obras presentadas nesta edición -9 escritas en galego e castelán e 19 en portugués-, dotada cun premio de 3.000 euros e ao que se engade a publicación dun mínimo de 500 exemplares en edición bilingüe, galego e portugués, da obra vencedora. Nas seis edicións precedentes deste concurso participaron arredor de 230 publicacións presentadas por mozos entre 16 e 36 anos.

A través desta iniciativa cada ano recoñécense obras literarias orixinais de ambos lados da fronteira, ao mesmo tempo que se incentiva a produción literaria entre a mocidade galega e portuguesa co lanzamento de novos escritores, así como o fomento da circulación e distribución de obras literarias entre a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O premio literario Nortear enmárcase no proxecto europeo co mesmo nome, levado a cabo pola AECT da Eurorrexión en colaboración coa Xunta e a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal, baseado na vontade dos organismos implicados de promover a cooperación multicultural transfronteiriza na Eurorrexión, co obxectivo de converter a cultura de Galicia e o Norte de Portugal en referente a nivel europeo.

O proxecto Nortear, financiado polo programa europeo de Cooperación Transfronteiriza POCTEP, continuará con novas actividades previstas para o último trimestre deste ano que se recollerán e difundirán nunha nova páxina web desde a que se optimizará a xestión de tódalas iniciativas asociadas a este programa, ao mesmo tempo que se simplificarán os procedementos para participar e xestionar as convocatorias do premio literario Nortear.

Entre as actividades previstas para este ano que tiveron que ser adiadas pola crise sanitaria da covid-19 e que se prevé que se retomarán nos próximos meses destacan as inauguracións de dúas exposicións: “Primores do Múltiple: encadernación e coleccionismo”, no Norte de Portugal e a presentación en Galicia da mostra de deseños de Almada Negreiros que se atopa no Museo Abade de Baçal da localidade portuguesa de Bragança.

Tamén se levará a cabo o encontro Nortear Ilustrado un ano máis na illa de San Simón e este ano co tema “Periferia como territorio de creación”. O evento preséntase en formato de residencia artística, onde participan mozos ilustradores galegos e portugueses para favorecer o intercambio cultural entre ambas rexións. Co mesmo obxectivo se desenvolverán novas sesións de “Conversas Nortear” en Vigo e na cidade portuguesa de Vila Real, na que participará Sara Brandao, a autora de “Ver”, a obra gañadora da cuarta edición do premio literario Nortear.

30 obras da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, candidatas al premio 'Nortear'