Un total de 360 persoas participarán dende hoxe ata o mércores 4 de xaneiro nas diversas sesións do “Planetario viaxando polo universo”, unha actividade de divulgación científica dirixida a todas as persoas interesadas no mundo da astronomía. Maioritariamente trátase de nenos e nenas pero tamén de afeccionados ao mundo da astronomía que non queren perderse esta actividade.
No interior dun moderno planetario móbil con capacidade para 20 persoas, e utilizando unha metodoloxía interactiva e práctica adaptada a diferentes niveis, as persoas asistentes realizan unha viaxe no espazo e no tempo, que lles leva a descubrir - entre outras materias - o Universo e as galaxias ou o movemento das estrelas, os planetas e os satélites máis importantes que integran o noso Sistema Solar. Aprenden a orientarse observando o ceo nocturno e coñecen os mitos e lendas que as civilizacións clásicas atribuíron ás principais constelacións e como situalas na bóveda celeste. O planetario recrea con total precisión o ceo nocturno desde calquera lugar da Terra e a visión do Universo desde calquera lugar do espazo, mostrando as posicións exactas dos elementos que o integran en calquera momento presente, pasado ou futuro.
Nesta primeira sesión participou o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, que amosou a sua satisfacción por acoller en Tui esta actividade do “Planetario, navegando polo universo”, pois ofrece unha sesión didáctica que mestura unha experiencia educativa cunha experiencia visual única que nos permite contemplar o Cosmos en todo o seu esplendor a través dun proxector de última xeración apuntado cara a unha gran cúpula semiesférica de 5 metros de diámetro e nun movemento de 360 graos.
As sesións serán ás 12.00 h, 12.45 h, 13.30, 17.00, 17.45 e 18.30 h con capacidade limitada en cada quenda. Para asistir é preciso inscrición previa no correo electrónico [email protected] ou presencialmente no propio centro indicando un teléfono de contacto.