domingo. 24.11.2024

‘Valentina’ de Chelo Loureiro, primeira das proxeccións de cinema ao aire libre no Paseo Fluvial

Trátase dunha película de animación con carácter galego que xa colleitou un importante recoñecemento no 2021: o Goya ao mellor filme de animación. Amais disto, a produción conta co traballo de destacadas figuras como Emilio Aragón, que fai as cancións, o cantautor galego Andrés Suárez ou a presentadora de televisión Mercedes Milá, que dan voz a dúas das personaxes animadas do filme.
'Valentina', unha película de animación con carácter galego.
'Valentina', unha película de animación con carácter galego.

Este venres, 15 de xullo, a carón do río no Paseo Fluvial, terá lugar a primeira das proxeccións de cinema ao aire libre que terá Tui para este verán. ‘Valentina’, da directora galega Chelo Loureiro, será o filme encargado de abrir esta programación a partir das 22.30 horas.

Trátase dunha película de animación con carácter galego que xa colleitou un importante recoñecemento no 2021: o Goya ao mellor filme de animación. Amais disto, a produción conta co traballo de destacadas figuras como Emilio Aragón, que fai as cancións, o cantautor galego Andrés Suárez ou a presentadora de televisión Mercedes Milá, que dan voz a dúas das personaxes animadas do filme.

Valentina é a historia dunha rapaza que soña con ser trapecista. Malia isto, cre que nunca o conseguirá por ter Síndrome de Down. As súa avoa é a súa fiel compañeira e a que a apoia para que persiga este soño con tenacidade. “Se un verme pode converterse en bolboreta, nada é imposible, nunca debemos perder a ilusión”, insístelle con persistencia a súa avoa. As dúas comparten xornadas de xadrez, música e moitas conversas que se converten en leccións vitais para Valentina... ata que un día a avoa non está. Os pais de Valentina dinlle que a avoa marchou de viaxe. “De viaxe? Sen despedirse?”, pregúntase a cativa.

En agosto, continúa o cinema no Paseo Fluvial

A programación completarase no mesmo escenario o 12 de agosto ás 22 horas con ‘Arriety e o mundo dos diminutos’, outro filme de animación que conta a historia duns pequenos seres que habitan baixo o solo dunha casa. Non poden ser vistos polos humanos pero todo cambia cando Arriety, un audaz adolescente, atópase co cativo que acaba de mudarse alí por uns problemas de saúde. Entre os dous fraguarase unha grande amizade.

O 26 de agosto, tamén ás 22 horas, proxectarase ‘Voando xuntos’, un filme francés de aventuras que conta a historia da relación de Christian, científico especializado en migracións de aves, co seu fillo, que rexeita estas inquedanzas do seu pai e prefire os videoxogos. Xuntos emprenderán unha aventura para salvar a unha especie en perigo de extinción.

‘Valentina’ de Chelo Loureiro, primeira das proxeccións de cinema ao aire libre no...
Comentarios