A asociación de comerciantes de Tui, ACITUI, e de Milladoiro, Palmira Bulevar, suman sinerxías para promocionar o Camiño Portugués a Santiago ao ser a primeira localidade en Galicia desta ruta xacobea, e a derradeira antes de chegar a Santiago, respectivamente.
Este venres coa sinatura dun convenio entre ambos colectivos quedaron plasmados tres anos de contactos e traballo en prol do Camiño Portugués. O acto tivo lugar na casa do concello de Tui coa presenza do alcalde, Enrique Cabaleiro, da concelleira de Comercio, Ana Mª Núñez, o presidente de ACITUI, Juan Carlos Blanco, e da Asociación de Pequenos Comerciantes Palmira Bulebar de Milladoiro, José Manuel Fernández.
O alcalde, Enrique Cabaleiro, felicitou a estes colectivo por esta “magnífica iniciativa” destacando o feito de que sexan “dúas entidades privadas as que apostan e colaboran para potenciar, pór en valor e difundir os valores do camiño”. Indicaba coma feito notorio que tamén “o sector privado se implique na promoción e difusión do Camiño”. Destacaba coma o ano pasado pasaron por Tui máis de 83 mil peregrinos, pero este ano debido a pandemia son 8.000, e indicaba que “o camiño vai volver emerxer con potencia e temos que estar preparados”.
O presidente de ACITUI, Juan Carlos Blanco, explicou que as dúas asociacións traballarán conxuntamente no fomento de eventos vinculados ao Camiño Portugués, e na súa promoción tanto a través das súas redes sociais, coma nas distintas campañas comerciais que leven a cabo pondo as dúas localidades no mapa desta vía xacobea. Tamén buscarán informar tanto ao peregrinos coma do turista dos servizos dispoñibles nestas localidades, e fomentar a cultura galega , a gastronomía e o comercio. Entre os obxectivos tamén está impulsar esta ruta de peregrinación de cara ao Ano Santo 2021.
O presidente da Asociación de Pequenos Comerciantes Palmira Bulebar de Milladoiro, José Manuel Fernández, explicou coma na xornada de hoxe frutifica o traballo que iniciaron hai tres anos e no que Tui e Milladoiro sumarán sinerxías.